A partir da mañá e durante todo o día daranse cita na localidade exemplares de distintas razas de gando galego, desde ovellas, cabras ou cabalos de pura raza galega, a porcos celtas, galiñas de Mos, cans de palleiro ou vacas das razas cachena, caldelá, frieiresa, limiá, vianesa e rubia galega.
O evento, organizado polo Concello do Valadouro coa colaboración das distintas asociacións que promoven a recuperación destas razas autóctonas, como Acruga, Can de Palleiro, Asoporcel, Puraga ou a Federación de Razas Autóctonas Boaga, reunirá a criadores chegados desde distintos puntos de Galicia e dará a coñecer entre o público asistente as características destas razas tradicionais do noso país e que en moitos casos estiveron a piques de desaparecer.
Esta cita contará cun importante premio económico para animar a participación dos distintos criadores. En total, repartiranse 4.000 euros en premios.