Skip to main content
ActualidadeBurela

O Concello de Burela contratará a dez persoas a través do Plan Único da Deputación

Por 19 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O alcalde, Alfredo Llano, explicou que “o Concello de Burela está aproveitando a oportunidade que lle deu o Plan Único da Deputación para empregar á xente. Xa fixemos algunha convocatoria, e agora mesmo estamos pendentes de facer as probas selectivas para empregar a dous auxiliares administrativos aquí no Concello. Imos facer as probas o día 22 deste mes no IES Perdouro. Posteriormente, en pouco tempo, imos sacar tamén, pola mesma subvención da Deputación, a contratación dun técnico de turismo, dun conserxe máis dun peón. E un pouco máis adiante dous oficiais de primeira”.
O rexedor dixo que “o Concello de Burela sempre estivo atento a procurar axudar á xente que estea no paro e imos fomentar o emprego da mellor maneira posible. No Plan Único, que convoca todos os anos a Deputación, hai unha parte que está dedicada a medidas para integrar á xente, e nosoutros sempre utilizamos parte desa subvención para facilitar o traballo a moitas persoas”.
Llano engadiu que “unha das prazas que temos xa previstas no Concello, que é unha administrativa ligada á Intervención, imos facer a selección o día 30 e imos facelas probas no IES Perdouro. Facemos as probas nese centro porque hai moita xente interesada en participar no proceso selectivo para ocupar calquera destas prazas. Máis adiante tamén imos ter oportunidade de convocar dúas prazas de socorristas para o verán, tamén polo mesmo programa da Deputación. Con estas prazas esperamos animar, motivar e facilitar emprego á xente que agora mesmo está buscando traballo”.
Alegacións aos orzamentos de 2019
O alcalde tamén se referiu ás alegacións presentadas polo PP ao orzamento municipal para este 2019. Para Alfredo Llano o único que pretenden é ralentizar a aplicación dos presupostos e considera que a quen fastidian os populares é ao pobo de Burela.
O rexedor manifestou que “tivemos agora sorpresivamente a presentación dunhas alegacións por parte do PP aos orzamentos que aprobamos xa en decembro, uns orzamentos que consideramos normalizados e equilibrados para aplicar no ano 2019. A nosa sorpresa prodúcese cando o PP, en vez de estar axudando, está poñendo paus nas rodas para ralentizar a aplicación dos orzamentos deste Concello”.
Llano sinalou que “ao PP se lle ocorre partir dunha previsión, que fan todos os equipos de goberno de todos os Concellos, porque hai que facer esa previsión para aplicar a lei que agora mesmo está determinando como se fai coas subvencións a nivel de Estado. Nesas previsións hai que contabilizar, valorar e nominar onde se van a aplicar as subvencións. A previsión significa que nosoutros podemos outorgarlle ás festas de Burela presumiblemente 40.000 euros e despois esa cifra pode quedar en 37.000 euros. Non se pode tomar unha previsión como un documento pechado que obrigue a facer iso, a previsión non quere dicir que sexa de obrigado cumprimento. Os equipos de goberno teñen que adaptarse á facilidade para levar adiante todos os temas do Concello, entre eles as subvencións que se outorgan, unhas nominativas e outras non nominativas”.
O alcalde burelés declarou que “o PP di que reducimos a achega para as festas e é unha mentira porque desde o ano 2017 levan o mesmo importe, 37.000 euros. Di que as axudas de emerxencia social reducíronse e, ao contrario, aumentaron. A única pretensión que ten este grupo político, que tiña que estar axudando, é poñer dificultades. Pretenden reducir a influencia do grupo de goberno e é moi triste, porque realmente a quen está fastidiando é ao pobo de Burela porque se está anulando a aplicación dos orzamentos xa. Iso quere dicir que non podemos facer obras, nin podemos avanzar en temas que son importantes para Burela, que son realmente importantes para os veciños”.
Para Alfredo Llano “con estas dinámicas o único que está procurando o PP é desprezar aos habitantes do pobo de Burela, porque se está quitando a oportunidade de que se fagan cousas para mellorar tanto no social, como no económico, no cultural e nas infraestruturas ao pobo de Burela. Isto é o triste deste grupo que non sei porque razóns fai agora isto”.
Couza guatemalteca
Alfredo Llano anunciou que a vindeira semana solicitará oficialmente diante da xefatura territorial de Medio Rural en Lugo “información sobre a couza guatemalteca. Queremos saber cómo vai a súa posible erradicación e queremos coñecer, porque así nolo están a demandar veciñas e veciños de Burela, si este ano van poder plantar patacas nas súas propiedades”. E engadiu: “imos solicitar información oficial a este respecto e tamén queremos que técnicos expertos na materia se despracen a Burela para pronunciar algunha charla sobre as patacas e a praga da couza guatemalteca”.