Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXABurela

O impacto do Brexit sobre a pesca, a debate con Novas Xeracións en Burela

Por 25 Xaneiro, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

Novas Xeracións de Burela, en colaboración con Novas Xeracións da provincia de Lugo, organizan este sábado a partir das once na Casa do Mar burelesa un foro de debate sobre o impacto do Brexit na pesca que contará con profesionais de recoñecido prestixio no sector coma o xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, Sergio López; a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda; e o catedrático de Dereito Internacional da Universidade da Coruña e responsable dos informes impacto do Brexit para a consellería do Mar, José Manuel Sobrino Heredia. Así mesmo, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participará na clausura do mesmo.
O obxectivo deste foro sectorial é “analizar os posibles escenarios que se plantexan para o sector pesqueiro e as incertezas ás que se enfronta ante a saída do Reino Unido da Unión Europea para trasladar respostas á xente do mar”, sinala o responsable da agrupación local de Novas Xeracións de Burela, Aitor López. “Como organización político-xuvenil queremos abrir debates e, neste caso, cremos que se trata dun tema de interese para a comarca dende o punto de visto tanto político coma social ou económico; xa que o Brexit afecta de cheo ao noso sector pesqueiro”, engadiu.

Pola súa banda, a presidenta de NNXX provincial de Lugo, Rosa Arza, asegura que “a nosa formación céntrase en traballar de forma organizada pola provincia, mentres outras se enfrontan a problemas de irregularidades”. Así, “mentres outras non están nin se lles espera, dende Novas Xeracións achegámonos a coñecer a realidade dos sectores produtivos da provincia coma neste caso que apostamos por achegarnos a un dos sectores estratéxicos da economía galega e, concretamente, para a Mariña lucense abordando con representantes do sector pesqueiro os posibles efectos que poida ter o Brexit sobre a pesca”.
Fontes de recursos da provincia
O foro intégrase no proxecto denominado ‘Fontes de Recursos de Lugo’ co que a formación xuvenil pretende “dar a coñecer máis de preto as principais fontes de recursos que xeran emprego e riqueza na provincia”, segundo manifesta Rosa Arza.