Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Abre o prazo de solicitude de subvencións para rehabilitar vivendas nos cascos vellos de Ribadeo e Rinlo

Por 15 Febreiro, 2019Sin comentarios

Xa se abriu o prazo de solicitude de novas subvencións para a rehabilitación de vivendas e espazos públicos nos cascos vellos de Ribadeo e Rinlo. O Concello envía estes días 1.800 cartas informando sobre estas axudas, que se poderán solicitar ata o vindeiro mes de agosto. O alcalde, Fernando Suárez, destaca que Ribadeo é o concello da provincia de Lugo que máis cartos recibe para rehabilitación, un total de 1.100.000 euros, fronte aos 900.000 euros que recibe por exemplo a capital da provincia.
O rexedor ribadense contou que “estamos nestes días repartindo, a través do servizo de Correos, unha serie de cartas informativas aos propietarios de inmobles das áreas de rehabilitación dos cascos vellos tanto de Ribadeo como de Rinlo, por mor das novas axudas dispoñibles para rehabilitación de vivendas que foron aprobadas hai poucos días polo pleno da Corporación, e cuxo prazo de solicitude xa está aberto”.
Fernando Suárez explicou que “o prazo de solicitude foi publicado hai dous ou tres días no Boletín Oficial da Provincia e está aberto ata agosto. É un prazo de seis meses, desta volta abrimos bastante o abano por consideralo necesario para tramitar as diferentes autorizacións urbanísticas de Patrimonio, do Concello, etc…, que dan lugar á rehabilitación das vivendas”.
O alcalde seguiu a relatar que “agora mandamos aproximadamente 1.800 cartas a todas as vivendas destes dous cascos vellos porque temos un reto moi importante. Hai que ter en conta que Ribadeo, dentro da provincia de Lugo, é o concello que máis diñeiro recibiu fundamentalmente do Estado, e tamén da Xunta, xunto coa achega municipal que temos que facer para rehabilitar tanto vivenda privada como espazos públicos. Temos uns obxectivos moi ambiciosos que cumprir, porque desde o Concello de Ribadeo levamos varios anos traballando intensamente na rehabilitación, na implementación de medidas para lograr a rehabilitación de moitísimas vivendas do casco vello como se pode ver, que xeran moito traballo a pequenos e medianos contratistas que están traballando nestes cascos vellos”.
Suárez Barcia subliñou que “queremos non soamente a veces ser malos, no senso de incidir en que a xente rehabilite con advertencias ou multas, senón que tamén queremos ofrecerlles posibilidades para acceder a unha subvención importante para rehabilitación. Tantos obxectivos levamos cumpridos que agora temos moito diñeiro público e non queremos que se devolva nada, por iso queremos dirixirnos directamente a todos os propietarios para que saiban que poden vir á oficina de rehabilitación, que está no Concello, todos os días para pedir máis información destas bases que foron publicadas e onde se describe o que entra e o que non e nas porcentaxes que poden ser subvencionables. Hai que ter en conta que Ribadeo, con 10.000 habitantes máis ou menos, recibe tanto para axudas de rehabilitación de vivenda como de espazos públicos aproximadamente 1.100.000 euros, e Lugo, que ten practicamente dez veces máis de poboación que Ribadeo, recibiu para iso 900.000 euros”.
O rexedor engadiu que “entre o Ministerio, que dá unha parte importante, a Xunta, unha parte menor pero tamén importante, xunto coa achega do Concello, querémoslle dicir a todos os propietarios de vivendas que a subvención mínima vai ser do 50% para rehabilitación, e en casos excepcionais de situación económica ou familiar complicada pode chegar ao 75%. Evidentemente isto ten un límite económico que vai desde os 12.000 aos 16.000 euros de máximo, dependendo tamén da situación persoal do solicitante. Neste Plan de Vivenda, que remata no 2021, abrimos a posibilidade de que, unha vez feitas as obras de rehabilitación, estas non supoñan a obriga de destinar esta a vivenda habitual e permanente, é dicir, que pode ser destinada a unha segunda vivenda, un aluguer, etc…, aínda que loxicamente para estas vivendas recibirán menos contía de subvención”.
Fernando Suárez engadiu: “queremos dicirlle a todo o mundo que para máis información poden vir ás oficinas do Concello, concretamente á oficina de rehabilitación, onde os técnicos cualificados lles explicarán convenientemente o que poden ou non poden facer, os prazos, etc… Queremos animar a todo o mundo a non desaproveitar esta oportunidade fantástica que hai aquí en Ribadeo e que non hai noutros concellos da provincia de Lugo”.