Skip to main content
ActualidadeFoz

O Concello de Foz rematou os traballos de urbanización da rúa Fonte da Cruz

Por 25 Febreiro, 2019Sin comentarios

O Concello de Foz rematou os traballos de urbanización da rúa Fonte da Cruz na vila focense, onde se eliminou un tapón urbanístico. Esta obra, que contou cun investimento de 50.000 euros de fondos municipais, é importante porque se trata dunha rúa moi utilizada, segundo subliña o alcalde, Javier Jorge Castiñeira.
O rexedor municipal anunciou que “que queda rematada xa, despois de varias semanas de traballo, a urbanización da rúa Fonte da Cruz”.
Javier Castiñeira salienta que “é importante posto que a día de hoxe é unha das saídas de Foz cara a estrada de Ribadeo. Sabemos que é moi usada e quitouse un tapón no tráfico moi grande”.
O alcalde lembra que “isto foi froito das negociacións entre Foz Plataforma de Futuro e o Partido Popular, que levaron adiante os orzamentos do ano 2018 e financiaron totalmente esta obra con máis de 50.000 euros, que serviron para destaponar un acceso e unha saída importante do pobo, despois de ter feito a reorganización do centro urbano que afecta precisamente á mobilidade do tráfico do noso concello”.
Castiñeira engadiu que “estamos moi contentos. É un obxectivo urbanístico máis cumprido e na idea do equipo de goberno de seguir avanzando tanto na mobilidade como no urbanismo do noso concello”.
O rexedor quere “dar moitísimas grazas a todas aquelas persoas que colaboraron, non só políticos senón tamén aos dous propietarios dos terreos que, de boa fe, negociaron co Concello e permitiron que se ampliara esta vía de catro metros, que tiña antes, a máis de once, que ten agora, con dobre carril e incluso beirarrúas polos dous lados”.