Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

Centos de mulleres participan no movemento feminista da Mariña cara ao 8M

Por 2 Marzo, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios


Desde o 18 de xaneiro, día en que tivo lugar o primeiro encontro de Galegas 8M na comarca, centos de mulleres estanse achegando ao movemento feminsita da Mariña co obxectivo de encher Lugo o 3M e secundar, en todas as vilas e aldeas da contorna, a folga laboral, de coidados, estudantil e de consumo convocada para o 8M.
Atrás quedan máis dunha ducia de encontros locais e comarcais que tiveron lugar en Burela, O Vicedo, Xove, Viveiro, Foz, Lourenzá, O Valadouro, Barreiros, Ribadeo…dos que xurdiron múltiples propostas para acompañar as mobilizacións dos vindeiros días e que permitiron achegar o feminismo ao ámbito máis rural da comarca. Por diante, dúas xornadas ateigas de reivindicacións, de revolta feminista, polos dereitos das mulleres.
A presenza da Mariña notarase o 3M en Lugo, 3 autobuses viaxarán á capital da provincia desde Viveiro, Burela e Ribadeo ateigados de mulleres de todas as idades, de todos os concellos da comarca e baixo o paraugas de GALEGAS 8M A MARIÑA. Unhas portando a faixa, outras tocando o batuque, outras cantando o Verdegaio- Lilá, e todas e cada unha cunha mensaxe clara de rexeitamento do patriarcado e do machismo que siguen perpetuando as fendas de xénero (fenda salarial, xustiza patriarcal, desigualdade nos usos dos tempos…).
Mais o 8M na comarca, tamén vén cargado de propostas pola Mariña adiante. Desde o Xoves de Comadres Feminista que organizan en Viveiro ata o pendurado de mandís que se promoverá en Lourenzá. En cada municipio as mulleres foron quen de organizarse para visibilizar a xornada de folga e as razóns para a mesma. O 8M desde pola mañá Burela acollerá na Praza de Abastos diferentes obradoiros de debuxo, batuque, teatro ou pancartas, ademais dun xantar de mulleres no local de
Xebra Associaçom; en Ribadeo, diferentes comandos informarán na vila sobre a xornada de folga e sobre o programa de actividades que se desenvolverán no Cine Teatro ao longo de todo o día, que inclúe a proxección de curtas feministas e unha manifestación con saída da Praza 8 de marzo; en Viveiro, unha concentración ás 12 da mañá na Praza do Concello dará paso a varias actividades e xogos feministas como o trivial, o pasapalabra e a elaboración dun mural colaborativo; en Foz, a partir das 11 da mañá, música, pintada de mandís e panos, patinaxe e outras actividades darán paso a unha concetración que terá lugar ás 13 horas; en Xove terá lugar unha xuntanza de mulleres ao longo da tarde; Lourenza, Mondoñedo e O Valadouro prevén pendurar tendais de mandís nas prazas principais. Mais isto non é todo, o fío condutor desta xornada será a manifestación comarcal que sairá ás 20 horas da Estación do Tren de Burela, convocatoria que mobilizará unha caravana feminista de coches que partirán sobre as 18 horas desde O Vicedo e desde Ribadeo, con parada, cada media hora, en todos os municipios que levan á vila burelá, para facerse ver e para transportar a mulleres que non teñen forma de desprazarse.
Desde Galegas 8M A Mariña animan a todas as mulleres a sumárense a estes actos de reivindicación da igualdade e de visibilización da loita polos dereitos das mulleres.