Skip to main content
ActualidadeBarreiros

O Concello de Barreiros organiza a semana da muller con diferentes actos e concursos

Por 2 Marzo, 2019Sin comentarios

O Concello de Barreiros organiza a Semana da Muller do 11 ao 15 de marzo con motivo da celebración do Día Internacional da Muller o 8 deste mes. E convoca ademais o II Concurso de Fotografía A Muller Traballadora.
O 11 de marzo comezarán as actividades ás 17:00 horas no centro social de San Cosme, onde se desenvolverán os xogos Mulleres na Historia. Estes continuarán o xoves 14 no campo da festa de Vilamar ás 16:15 horas; e no CEIP de San Miguel de Reinante, ás 18:00 horas. Rematarán o venres 15 no centro social de San Cosme ás 18:30 horas. Os xogos están adaptados a todas as idades.
Tamén o venres 15 de marzo, terá lugar a entrega de premios do II Concurso de Fotografía A Muller Traballadora. O acto celebrarase no centro social de San Cosme a partir das 18:30 horas.
O tema do concurso fotográfico será a expresión, por medio da fotografía, da loita da muller polos seus dereitos e pola súa participación, en igualdade co home, na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa.
Haberá tres categorías: A desde 8 ata 12 anos; B de 13 a 17 anos; e C desde 18 anos. Outorgaranse un primeiro e segundo premio por categoría.
As fotografías entregaranse en formato impreso e tamaño 10x15cm (papel fotográfico), asinadas cun pseudónimo, en sobre pechado e acompañado doutro sobre cos datos persoais. No caso de presentar un mesmo autor varias fotografías, estas deberán ser entregadas de xeito individual. Permitirase un máximo de tres fotografías por participante.
Os traballos deberán ser presentados nas Oficinas Xerais do Concello de Barreiros e o prazo remata o 13 de marzo ás 13:00 horas.
As obras presentadas a concurso son propiedade do seu autor, que autorizará ao Concello de Barreiros para a súa difusión. Tras o fallo do xurado, os participantes autorizan ao Concello a realizar unha exposición con todas as fotografías presentadas.
O Concello de Barreiros organiza estas actividades a través do seu departamento de Servizos Sociais.