Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

O BNG rexeita no Parlamento o plan de atención primaria da Xunta

Por 16 Marzo, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O BNG criticou o plan de atención primaria co que a Xunta pretendía calar as demandas tanto do persoal sanitario como das persoas usuarias por considerar que se trata dun mero “parche” que non soluciona ningún dos problemas da que é a porta de entrada ao sistema público de saúde.
“Non queda ninguén por dicirlle que non quere o seu plan de atención primaria”, denunciou a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, na comparecencia do conselleiro Jesús Vázquez Almuíña, “nin e novo nin resolve o problema que crearon coa súa estratexia de recortes e privatizacións, a súa proposta ideolóxica en materia de sanidade merece unha emenda á totalidade”, sentenciou.
Prado salientou que a precariedade da atención primaria que ten en pé de guerra ao persoal “é froito dun deterioro buscado para alimentar a sanidade privada, por iso desenvolveron unha política de recortes, privatizacións e demolición”. “Ten a todo o mundo cabreado señor Almuíña, porque a xente está farta de parchiños”, sentenciou.
A deputada nacionalista criticou a falta de compromiso e de diálogo do conselleiro cando ten ao persoal dos PACs mobilizado desde fai máis dun ano e en folga indefinida desde xaneiro, “pero segue sen darlle unha resposta as súas demandas”. Prado repasou as denuncias continuadas de falta de profesionais en atención primaria, que os medios de comunicación recollen a diario por todo o país, “un día si e outro tamén”, en Vigo, Cangas, Cambre, A Guarda por citar os casos máis recentes.
O suposto plan da Xunta lonxe de solucionar a situación en atención primaria provocou que xurdiran máis colectivos organizados para loitar contra as propostas dese plan, como a do “contrato de continuidade” que lonxe de dar estabilidade “consolida a precariedade propoñendo gardas de 365 días ao ano”, ou o intento de recuperar “pola porta de atrás” a figura de pediatra de área que xa tivo un rexeitamento rotundo por parte d@s profesionais.
De feito, explicou, o contrato de continuidade non foi aprobado polos sindicatos maioritarios no Sergas, “e das 89 prazas ofertadas só cubriron 9 esa é a realidade da aceptación dese famoso contrato”, alegou.
Afondando na cuestión da precarización, Prado criticou o intento do Sergas de atraer persoal luso con enganos: “Como se pode mentir tanto lanzándolle aos profesionais de Portugal unhas condicións que non son reais?”, interpelou a portavoz de sanidade.
Monólogo e ocorrencias
Prado acusou a Almuíña de confundir “diálogo con monólogo porque non escoita o que lle están dicindo os profesionais e o pobo galego” e, até o momento, o PP non fixo máis que negar o problema até que este adquiriu tal magnitude que a Xunta xa non puido ignoralo, “e entón tiveron a ocorrencia de crear dez grupos de traballo, nada menos”.
Supostos foros de diálogo que os diferentes interlocutores foron abandonando “porque a diagnose está feita desde hai anos e é tempo de actuar, iso é o que demandan” recalcou Prado, quen reclamou do conselleiro “unha rectificación real e non de titulares de prensa”.
As propostas do BNG, en liña co que reclaman profesionais, pasan por recuperar as xerencias de atención primaria con capacidade real de decisión, orzamento propio e máis persoal e infraestruturas, atender as demandas dos PACs e contratos dignos que poñan fin á precariedade laboral que ten efectos nefastos na atención asistencial.