Skip to main content
ViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

‘Commedia. Un xoguete para Goldoni’, un clásico do teatro galego representarase no Pastor Díaz de Viveiro

Por 20 Marzo, 2019Sin comentarios

O próximo sábado 23 terá lugar ás 20:30 horas a representación de ‘Commedia. Un xoguete para Goldoni’ no Teatro Pastor Díaz de Viveiro. A obra de Cándido Pazó e Carlo Goldoni, dirixida por Cándido Pazó estreábase en 1993 na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, un espectáculo que acabou sendo un dos fitos do teatro galego. Máis de 200 funcións en xira por España, Portugal e Francia. Hoxe, 25 anos despois, repetindo no posible o mesmo equipo creativo, revisitamos aquela experiencia, celebramos aquela festa teatral.

Arlecchino encontra unha carta de amor no mandil da súa muller e, erradamente, pois a carta non era para ela, pensa que ela o engana. Desesperado, quere matarse. Pero deteno unha misteriosa voz que vén de ningures e que lle dá un anel máxico que ten a extraordinaria propiedade de facer perder a memoria a quen o pon. Arlecchino esquéceo todo. Pero, como dano colateral, esquece tamén a noción das convencións sociais.

A partir deste arranque argumental sucédense unha serie de divertidos equívocos e enxeñosos enredos nos que participan algunhas das principais figuras da “commedia dell’arte”: o cutre taberneiro Brighella, o pedante Dottore, o avaro Pantalone, o fanfarrón Capitano, a encantadora Arxentina…

Un argumento que, máis alá do imprescindíbel alarde formal e lúdico, da pé para xogar criticamente cos manidos tópicos do amor romántico e os riscos do exercicio indiscriminado da sinceridade.