Skip to main content
ActualidadeCervo

O concello de Cervo e a USC programan unhas xornadas divulgativas sobre a historia do municipio

Por 25 Marzo, 2019Sin comentarios

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, reuniuse en Santiago de Compostela co investigador Chema Leal e co catedrátido de Historia das Institucións Económicas, Xoán Carmona, para definir a programación dunhas xornadas divulgativas que vai organizar o Concello de Cervo en colaboración coa Universidade de Santiago, neste verán.

Tal e como explicou Villares “tanto Leal como Carmona coñecen en profundidade a historia do noso Concello, son grandes especialistas e estudosos dela, e vemos que esta colaboración pode ser unha oportunidade única para poñer en valor todo ese rico patrimonio, de sacalo á luz para que que toda a veciñanza poida entrar tamén en contacto co noso pasado”.

As xornadas, a falta de pechar a data definitiva, desenvolveranse no Conxunto Histórico de Sargadelos, durante dous días, nos que participarán poñentes de renome como o Licenciado en Xeografía e Historia e conservador do Centro de Interpretación do Camiño de Mondoñedo, Juan Ramón Fernández Pacios, e os propios Chema Leal ou Xoán Carmona; entre outros.

As sesións máis teóricas terán lugar en horario de mañá, e xa pola tarde programaranse diferentes saídas de campo, nas que se farán percorridos polas diferentes industrias, tanto de salga como de conserva, que foron aparecendo pola Mariña; abordaranse os problemas que había para a súa comercialización polos perigos que viñan polo mar (ataques de corsarios) e de como se facía necesario un sistema defensivo costeiro para salvagardar o comercio da sardiña; entre outros aspectos.

Ademais, tamén afondarán na historia do complexo industrial de Sargadelos e dos distintos usos que se lle deron ás fábricas, e de como estas afectaron á vida da veciñanza; todo elo ilustrado coa programación dunha visita guiada polo Conxunto Histórico.

Tal e como precisou Villares “estas xornadas nacen co obxectivo de consolidarse no tempo, pretendemos que sexa unha data marcada no calendario, que nos permita sumerxirnos en interesantes etapas da nosa historia que descoñecemos”.