Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Acisa Ribadeo anima a todo o comercio da vila a unirse á campaña da moeda local

Por 29 Marzo, 2019Sin comentarios

Dende Acisa como asociación que engloba á maior parte do comercio e coorganizador da campaña ‘A Pancha, a nosa moeda local’, xunto co Concello de Ribadeo, coa colaboración de ABanca, “animamos a tódolos comercios da nosa vila, socios e non socios, a participar nesta campaña tan importante, que esperamos sexa un revulsivo para o tecido comercial ribadense”.
O prazo de inscrición segue aberto ata o vindeiro mércores, 3 de abril, e a forma de adherirse é moi simple, con tan só cumprimentar debidamente o documento de adhesión e achegar unha copia do CIF, do TC2 ou no seu caso o certificado negativo de inscrición de empresas (para quen non teña traballadores) e o certificado do epígrafe do IAE é suficiente. Dita documentación pode ser presentada nas oficinas do ADL do Concello de Ribadeo ou en caso dos socios de Acisa nas oficinas da asociación.
O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Francisco Iriarte, indica que “os nosos asociados contan co asesoramento directo do xerente de Acisa, que xa visitou tódolos comercios asociados, un a un para explicarlles a campaña e animalos a participar, e está á súa disposición para solucionar calquera dúbida, non só neste proceso de adhesión senón en todo o tempo que dure a campaña, como non pode ser doutra maneira, é un servizo máis que prestamos aos nosos socios”.
Iriarte engade: “cremos que esta campaña é moi importante para o comercio local, inxectando na nosa economía 10.000 euros para fomentar as compras no pequeno comercio e ademais estamos a falar de xerar polo menos un movemento de 40.000 euros en vendas durante un mes, unha cifra moi importante nesta época na que nos atopamos”.
Desde a xerencia da asociación, Jesús Pérez indica que “as adhesións están a ser diarias e continuas, Acisa conta cuns 160 socios dos cales poden participar nesta campaña ao redor de 80; e xa a día de hoxe, estamos a roldar o 50% de establecementos adheridos á campaña da Pancha de Ribadeo, aos que hai que sumar os comercios que non son socios. En Acisa estamos moi satisfeitos de ver como se implican os nosos asociados xa que en torno ao 90% dos ata agora inscritos son membros da nosa asociación, mostra da importancia de pertencer ao colectivo e da visión do asociacionismo”.
O xerente de Acisa destaca: “é moi importante resaltar dúas cousas, só os establecementos que participen da campaña poden ter a posibilidade de cobrar con panchas, quedar fóra da campaña é quedar fóra de beneficiarse deses 40.000 euros que se poñen en circulación, ademais, é unha gran plataforma de publicidade xa que os establecementos adheridos, estarán presentes na web da campaña e terán unha presenza constante a nivel mediático”.
Para Jesús Pérez “cantos máis comercios se inscriban mellor será a campaña e máis variedade haberá para o consumidor onde investir as súas panchas, por iso queremos que sexan máis os que se inscriban, que ademais estamos seguros que no que queda de período farano; todos os comercios contan coa páxina web panchamoedalocal.ribadeo.org para informarse das bases e funcionamento e ademais os nosos socios, poden poñerse en contacto coa nosa oficina sempre que o desexen”.
O presidente de Acisa manifesta que “do mesmo xeito que o Concello cos Cantos de Taberna e o Ribadeo de Tapeo, Acisa xa está a traballar en propostas para os sectores que non participan nesta campaña, non só hostalería senón tamén o sector servizos, algo que cremos tamén de vital importancia”.