Skip to main content
ActualidadeAlfoz

Xabier Pardiñas é designado cabeza de lista para as eleccións municipais por VIA Alfoz

Por 2 Abril, 2019Sin comentarios

Coincidindo coa aprobación do Real Decreto de convocatoria das eleccións locais, a nova Dirección Executiva de VIA ALFOZ, presidida por Efigenia Maseda, reuniuse o pasado 29 de marzo de 2019, para designar o cabeza de lista de cara aos comicios do 26 de maio. A persoa escollida para tal cargo foi Xabier Pardiñas, que obtivo a totalidade dos votos da Executiva.
Desde a Dirección executiva de Via indican que “a elección foi moi pensada e nela pesou a eficaz labor realizada durante estes catro anos ao fronte da tenencia de alcaldía do Concello de Alfoz, a pesar das limitacións que tivo polos socios de goberno en forma de falta de cooperación e atribuíndose a paternidade de todo o desenvolvido por VIA”.
Na reunión da executiva, na que non se atopa o propio Xabier Pardiñas por motivos laborais, decidiuse encargar ao novo candidato a confección da lista electoral, continuando as negociacións que nas últimas datas se levaron a cabo con diferentes persoas a incluír na candidatura.
Pardiñas, candidato nas pasadas elección pola agrupación de electores Veciños Independentes de Alfoz, é o actual Tenente de Alcalde do Concello de Alfoz e Concelleiro de Desenvolvemento Local. Tras coñecer a súa elección, asegurou que se presenta “con moita ilusión e consciente da responsabilidade do encargo que me confían os meus compañeiros”. Respecto á candidatura indica que se confeccionará unha lista “con xente comprometida, ilusionada co proxecto de VIA e preparada para gobernar”.
Así mesmo, a Dirección Executiva de VIA Alfoz aprobou a presentación dunha candidatura Eleccións Europeas, probablemente en coalición con outros partidos.