Skip to main content
ActualidadeRiotorto

A XIII Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto reunirá a 28 ferreiros, co apoio da Deputación

Por 8 Abril, 2019Sin comentarios

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias González, e o Presidente da Asociación de Ferreiros, José Manuel Cobo, xunto a outras autoridades, presentaron, este luns, a XIII Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, que se celebrará o vindeiro domingo, 14 de abril e reunirá a ferreiros chegados de toda a provincia, así como de Galicia e Navarra, entre outros. A presentación tivo lugar na Forxa de Lourín e, durante o acto, realizouse unha demostración en vivo de artesanía do ferro.

Campos Conde destacou que “dende o Goberno da Deputación, mantemos un firme compromiso con esta cita coa que colaboramos, realizando unha achega económica de 11.000 euros. A Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, é un evento xa asentado na nosa provincia, pois esta é décimo terceira edición, que cada ano atrae a milleiros de persoas ao municipio. Deste xeito, dinamizamos a economía local e do conxunto da Mariña Lucense, así como poñemos en valor un oficio tradicional, a través de numerosas actividades e con demostracións en vivo”.

A XIII Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, que reunirá a 28 ferreiros, celebrarase no recinto feiral cuberto baixo carpa, onde tamén se poderá degustar polbo e outra comida tradicional. Haberá animación musical durante toda a xornada a cargo dos Gaiteiros de Riotorto e a Charanga Louband.

Programación da feira

Ás 11:00 horas: Apertura da Feira e artesanía dos ferreiros de Riotorto e exposición de artesáns e produtos do campo.

Ás 11:15 horas: demostración dos oficios de pirogravado, a cargo de Pirogravados do Norte do Concello de Ortigueira; torneado de madeira, a cargo de Roberto Figueira do Concello de Rianxo; Cestería Lito; Alfarería Aparicio de Buño e demostracións de cristal tallado e decorado, da man de Eugenio Soto.

Ás 11:30 horas: presentación do libro A idade de Ferro, do autor Xosé Salgado.

– Ás 12:00 horas: actuación do Coro de Riotorto.

Ás 12:15 horas: inauguración oficial da XIII Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto.

Ás 12:30 horas: demostracións en vivo da artesanía do ferro a cargo dos Ferreiros de Riotorto, o ferreiro austríaco Friedrich Brasmsteidl; Alberto Leis de Santiago de Compostela; o Centro de Interpretación da Forja (Forjas Brun de Navarra); o ferreiro Antonio do Corgo; ferreiros da Fonsagrada e Forxa Chao, de Santiago de Compostela.

Ás 12:45 horas: obradoiros de ferro infantil, a cargo do ferreiro austríaco Friedrich Brasmsteidl. Actuación da Charanga Louband e animación itinerante co espectáculo realizado por Pepe Penabade.

Ás 16:30 horas: Actuación da Charanga Louband e animación itinerante co espectáculo realizado por Pepe Penabade.

Ás17:00 horas: demostracións en vivo da artesanía do ferro e demostracións de oficios de Pirogravado e de torneado de madeira.

Ás 19:00 horas: espectáculo infantil para os máis pequenos no atrio da Igrexa de Riotorto.