Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXACervo

O Concello de Cervo celebrará a XI Feira de Gando o domingo 5 de maio

Por 15 Abril, 2019Sin comentarios

O Concello de Cervo e a asociación Cabaleiros do Xunco celebrarán a XI edición da Feira de Gando o domingo, 5 de maio, no polígono industrial de Cuíña.

O evento foi presentado polo alcalde, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto, e por unha representación da asociación organizadora, entre eles o seu presidente, Julián Otero.

Hai programadas actividades durante todo o día ao redor do gando. Deste xeito, dende as 8:00 horas ata as 14:00 horas, poderanse realizar transaccións comerciais no recinto feiral; ademais, pola mañá programáronse paseos gratuítos para as crianzas sobre cabalos de montura.

Xa pola tarde, a principal atracción estará centrada nas diferentes carreiras: marcha de trotóns (de 16:00 a 17:00 horas), carreira de cabalos do país (de 17:00 a 18:00 horas), carreira de cabalos cruzados (de 18:00 horas a 19:00 horas), e tamén haberá carreira de burros (de 19:00 a 20:00 horas); nunha xornada que rematará coa entrega de premios aos mellores exemplares de vacún e equino anotados no concurso da Feira. Será ás 20:00 horas.

Haberá máis de 1000 euros en premios para as diferentes categorías e os gañadores das carreiras.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, quixo agradecer o traballo da Asociación Cabaleiros do Xunco na organización desta cita, “un evento a día de hoxe consolidado grazas a unha importante labor de recuperación e que é o punto de encontro dos amantes do mundo equino e vacún, que comparten nese día a súa afección con todos os cervenses e visitantes que desexen achegarse nesa xornada ao recinto feiral”.