Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAAMARIÑAXA

O estado sanitario da cabana galega aporta vantaxes para os gandeiros e a poboación en xeral

Por 26 Abril, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, destacou esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento que o actual estado sanitario da cabana galega aporta privilexios e vantaxes para os gandeiros e para a poboación en xeral.

Así, sinalou que o feito de que Galicia estea declarada como rexión oficialmente indemne de brucelose bovina (acadada no ano 2017) e de brucelose ovina e cabrúa (acadada no ano 2013) revaloriza os produtos alimentarios galegos de orixe animal, á vez que ofrece garantías aos consumidores. “A erradicación dunha enfermidade transmisible ás persoas é un logro sanitario global”, matizou o director xeral.

Nesta liña, José Balseiros subliñou que Galicia tamén destaca por ser a comunidade autónoma coa prevalencia de tuberculose bovina máis baixa do territorio peninsular español, cun 0,05% no ano 2018 fronte outras comunidades como Andalucía (12,34%), Castela A Mancha (10,35%) ou Estremadura (9,75%). Ademais, o director xeral destacou que este ano a Comisión Europea declarou a provincia de Pontevedra como oficialmente indemne desta enfermidade.

Na súa intervención, o director xeral de Gandaría matizou que é importante ter unha mentalidade positiva pero á vez ser extremadamente prudente, de aí que os controis desta enfermidade sexan tan exhaustivos e se empreguen os métodos de diagnóstico oficiais que veñen recollidos na normativa estatal de aplicación e no programa nacional.  Balseiros agradeceu o traballo dos servizos veterinarios oficiais e a colaboración plena dos gandeiros, pois grazas ao traballo conxunto de todos eles estanse conseguindo estes logros en materia de sanidade animal.