Skip to main content
ActualidadeViveiro

O concello de Viveiro acolle unha mostra da obra de Manuel Bujados

Por 28 Abril, 2019Decembro 18th, 2023Sin comentarios

O sábado 4 de maio de 2019, na sala de exposicións da Biblioteca Municipal, abrirase ao público a exposición titulada BUJADOS: bosquexos, poemas e documentos, organizada pola Deputación Provincial, o Museo Provincial de Lugo e o Concello de Viveiro. Esta mostra fundaméntase no legado que María Luísa Blasco Bujados, sobriña do artista, entregou ao Museo Provincial de Lugo en 2016 e inclúe unha colección de apuntamentos, bosquexos e debuxos orixinais de Manuel Bujados, algúns deles mostra da súa colaboración en diversas publicacións, ademais de cadernos con textos manuscritos e ilustrados polo autor. Completa o legado un conxunto de recortes de prensa, cartas, documentos varios e catro debuxos realizados por outros autores pertencentes ao seu círculo de amizades.

Trátase dunha colección inédita ata agora e de gran importancia para profundar no coñecemento da obra de Bujados, fundamentalmente no seu proceso creativo e na súa dedicación profesional á ilustración, pero tamén para valorar aspectos descoñecidos na súa vida e obra e achegarnos á personalidade deste singular e polifacético artista.

A colección estivo en estudo técnico-artístico e recibindo tratamento de conservación por parte do persoal técnico especializado do Museo Provincial de Lugo.

Este legado, xunto coa colección de Bujados que xa posuía o museo -parte dela exposta ao público na súa SALA 24-, converten ao Museo Provincial en lugar de referencia para o estudo e goce da obra de Manuel Bujados e na institución con maior número de obras orixinais deste autor.

Dende o Concello de Viveiro sentímonos profundamente satisfeitos por poder acoller esta exposición e ofrecer a veciños e visitantes a posibilidade de admirar esta importante mostra -inédita- do artista Manuel Bujados, precisamente neste ano no que se cumpre o 130 aniversario do seu nacemento. Consideremos que se trata dun fito cultural e artístico especialmente relevante e estamos convencidos de que servirá para coñecer, un pouco máis, a vida e obra deste grande artista viveirense.

O pintor e debuxante Arcadio Manuel Bujados Fernández naceu en Viveiro o 12 de xaneiro de 1889, no seo dunha famili numerosa. Sendo un neno emigrou, con seu irmán, á Belle Ville (Córdoba, Arxentina), cidade coa que estivo moi ligado durante toda a súa vida e na que faleceu o 21 de xuño de 1954. Aínda que comezou a súa actividade artística publicando poesía, contos e novelas curtas, a súa gran calidade como debuxante foi descuberta polos críticos do momento e, en 1913, participou na exposición de artistas galegos organizada polo Centro Gallego de Madrid; ao ano seguinte, expuxo no Salón de Humoristas e, en 1917, na exposición rexional de artistas galegos celebrada na Coruña en 1917; foron estas as primeiras exposicións dunha serie de mostras que o levaron a expoñer a súa obra dentro e fóra do país. Manuel Bujados é o principal representante do modernismo sensual e foi comparado co debuxante británico Aubrey Bearsley (ilustrador das obras de Oscar Wilde), con Gustave Moureou, William Blake, Gustave Klimt, etc.

O Concello de Viveiro quere agradecer publicamente á Deputación Provincial e ao Museo Provincial de Lugo por ofrecer a posibilidade de organizar conxuntamente esta exposición e anima a todas aquelas persoas interesadas en achegarse á obra de Bujados a achegarse a esta histórica mostra, que poderá visitarse ata o 3 de xuño de 2019, de luns a venres en horario de 16:30 a 20:30 horas, e os sábados de 11:30 a 13:30 horas.