Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

A VI edición de Mondoñedo é poesía terá lugar o vindeiro 1 de maio

Por 30 Abril, 2019Decembro 18th, 2023Sin comentarios

Mondoñedo é poesía chega á súa 6ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) aos amantes da poesía dita, recitada, cantada, musicada ou visual. Esta actividade enmárcase, como sempre, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran desde 1541 (hai xa 478 anos).

Nesta edición homenaxeamos a Manuel Ledo Bermúdez “O Pallarego” (Mondoñedo, 1899-1964), o músico-barbeiro que recuperou canda Cunqueiro, xunto a outros ilustres mindonienses como B. Vidarte ou X. Díaz Jácome, a tradición dos maios nos anos da Segunda República.

O cartel oficial da edición é da autoría do artista mindoniense, J. Pedro Gómez.

Tendal de poesía

Exposición na recepción do Auditorio Pascual Veiga. Montaxe foto-poética con poemas elaborados polo alumnado do IES San Rosendo inspirados en obras de artistas mindonienses e mariñaos.

Recital na rúa

17:00h.-Saída da carroza do Maio da Finca da Loura (a carón da casa natal do Pallarego no Barrio dos Muíños de Arriba)

17:30h.-Praza Jaime Cabot (Alcántara)

Memoria dos Maios. Homenaxe á Manuel Ledo Bermúdez “O Pallarego”.

Acto de homenaxe a un dos personaxes máis destacados da cultura popular mindoniense do s. XX: músico, mecenas e activista cultural. Interveñen:Remedios Ledo Vizoso, alumnado dos centros educativos e da Escola de Música Municipal.

Recital poético

Recitan: Alexandre Fernández Peón (2º premio Díaz Jácome 2018), Laura López (3º premio Díaz Jácome 2018) e Esperanza Pérez

Recital no auditorio Pascual Veiga

18:30h.-No Auditorio Pascual Veiga escoitaremos os versos de Martiño Maseda (1º premio Leiras Pulpeiro 2018), Alberte Momán (2º premio Leiras Pulpeiro 2018), Olga Novo e Antón Reixa

A música corre a cargo de Lino Rico (con Juan Carlos, Fajardo e David) e A Banda da Loba.

Presenta: Montserrat González Álvarez (Magadán).