Skip to main content
ActualidadeDeportes AMARIÑAXAO Vicedo

A primeira edición do Trail do Vicedo terá lugar o próximo domingo 19 de maio

Por 2 Maio, 2019Sin comentarios

O Trail do Vicedo celebrarase o vindeiro domingo 19 de maio e contará con tres categorías: trail curto de 15 km, trail longo de 25 km e andaina popular de 15 km. Na presentación do evento participaron o alcalde do Vicedo José Jesús Novo, persoal do concello e integrantes de Peña Lar de Viveiro, que colabora na organización do evento.
Na presentación destacouse que a 20 días da celebración do evento está aumentando moito o número de inscritos pero aínda quedan prazas libres (por cuestión de seguridade e loxística vaise limitar a participación a 125 persoas por categoría).
Tamén se destacou como punto forte do trail a beleza das paraxes onde van discurrir as distintas probas, auténtico punto forte tanto do Concello de O Vicedo, como do resto da Mariña de Lugo.
Lembrouse que a proba pasará por sitios tan emblemáticos a nivel turístico e paisaxístico como Fuciño do Porco e as praias de Area Grande, Xilloi, Caolín e Vidreiro.  Coa celebración destas probas preténdese incrementar a oferta deportiva do Concello, que se une a outras actuacións como a adecuación e mantemento das rutas de sendeirismo homologadas e non homologadas actuais no Vicedo (PR-G 156 Costa de O Vicedo, Sendeiro azul Abrela-Punta Socastro, Camiño natural Ruta do Cantábrico e a PR-G 8 Morgallón – Río Sor – Morgallón, que non está neste trazado pero que tamén pertence a este Concello). Por tanto, a habilitación destas rutas serve non só para acoller a sendeiristas senón para acoller probas como estas, que agradecen moito que haxa rutas xa establecidas que facilitan a creación de trazados deportivos.
Por outra banda, esta proba pretende mostrar un dos puntos fortes turísticos do concello, a costa de O Vicedo, que será percorrida de leste a oeste pasando por lugares tan emblemáticos no ámbito do turismo como Fuciño do Porco, Area Grande, mirador de Coelleira, Xilloi e Caolín. Ademais, elixiuse unha data que coincide coa ponte do Día das Letras Galegas, que se pretende que facilite a participación de deportistas de toda Galicia, que non só veñan a competir, senón que pasen tamén algún día máis visitando a zona.