Skip to main content
ActualidadeFoz

Entregados en Foz os premios aos gañadores da XVI Ruta de Tapas

Por 4 Maio, 2019Sin comentarios

O presidente de Acia/CCA, José Carlos Paleo, e o alcalde de Foz, Javier Castiñeira, entregaron onte á noite os premios aos gañadores da XVI Ruta de Tapas, que se celebrou a pasada Semana Santa. O primeiro premio foi para Espacio Machete, o segundo para Anduriña e o terceiro para Aroma Café.

Paleo e Castiñeira subliñaron que a Ruta das Tapas é xa un clásico da Semana Santa na Mariña e que esa época se está a converter en tempada alta tamén en Foz, despois de anos de traballo na promoción da marca Foz. Ambos felicitaron aos gañadores pola calidade das súas propostas gastronómicas. 

Na súa intervención José Carlos Paleo, quixo “felicitar ao primeiro premiado, neste caso ao Espacio Machete, onde nos atopamos. Felicitalos dobremente por ter feito unha aposta de hostalería nova, un espazo para disfrutar todos, e que ao mesmo tempo sexa negocio, que é do que se trata. Moita sorte a todos e felicidades a todo o equipo que forma o Espacio Machete, que está ao pé do canón nunha demanda que souberon encaixar e da que todos disfrutamos, e que é unha referencia gastronómica tamén no pobo, que sempre axuda a todo o demais. Tamén temos aquí a Moncho, de Anduriña e mais a Mari que, coa ruta nova das tapas en Álvaro Cunqueiro que puxeron en marcha están contribuíndo á dinamización de toda esa rúa. As zonas hai que poñelas en marcha, a asociación estamos para apoiar, pero realmente quen ter que ter a iniciativa son os que realmente están no sitio e coñecen a súa clientela. Non nos podemos esquecer de que somos comerciantes e que ten que ser negocio o que facemos, e para mellorar hai que ganar. É tan sinxelo como iso, pero na realidade a veces é máis difícil. Temos ademais o terceiro premio que é Aroma Café, tamén uns emprendedores novos como Espacio Machete, xente nova que se incorpora á hostalería e que é referencia na mocidade e combinando cos que temos máis idade, que é un efecto bo. Hai que felicitar a toda esta xene nova que se incorpora e que axuda a dinamizar o pobo”.

O presidente do Centro Comercial Aberto tamén aludiu ao cambio que se produciu nas rúas Álvarao Cunqueiro e Avenida da Mariña: “agora é cando estamos empezando a disfrutar desas zonas, das terrazas alí instaladas. A súa posta en valor será beneficiosa para todo o pobo, para os que vivimos todo o ano e para os que teñen aquí a súa segunda residencia”.

O alcalde, Javier Castiñeira, tamén tivo palabras de felicitación e recoñecemento para os establecementos premiados na XVI Ruta das Tapas de Foz e aludiu ao traballo realizado desde a Acia/CCA: “que Paleo sexa o presidente da Federación de Comerciantes de toda a Mariña non é unha casualidade, é porque se está traballando ben e se está apostando pola calidade. Precisamente a Ruta das Tapas é algo que se copiou xa noutras localidades, pero que se iniciou aquí. Son boas ideas que acabaron dinamizando unha tempada que non era precisamente a mellor de Foz. Ao final, como di Paleo, en Semana Santa agora mesmo é tempada alta para todos nosoutros. Temos aí os resultados dos hoteis co 100% de ocupación a maior parte deles e iso é froito dun gran traballo. Levo oito anos así, intentando motivarnos, aínda que sexamos uns poucos se ese boca a boca funciona. No nome de todos os veciños de Foz darvos as grazas por seguir prosperando, por seguir facendo que a marca turística de Foz sega sendo moi potente e moi fiable dentro da Mariña. A hostalería é moi importante e necesaria para seguir transformando esa marca e agora vese calidade, vese que apostades por facer ben as cousas”.

Os gañadores da XVII Ruta de Tapas de Foz recibiron un diploma e unha figuriña como agasallos. Ao remate os asistentes degustaron un menú elaborado por Espacio Machete.