Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

Un total de 4.025 persoas presentaranse nas candidaturas do BNG ás eleccións municipais, máis da metade non militantes

Por 4 Maio, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios
BNG inicia a carreira cara as eleccións municipais co convencemento de que delas sairá a “foto da implantación real de cada forza política no país”. Así o defendeu o coordinador de campaña, Rubén Cela, nunha rolda de prensa en que achegou os principais datos das candidaturas: 4.025 persoas que se presentan en 245 candidaturas, máis do 95% da poboación poderá escoller papeleta nacionalista en máis do 80% dos concellos.
O coordinador de campaña do BNG, Rubén Cela, asegurou que as eleccións municipais serán un chanzo máis na remontada da organización nacionalista nunha “grandísima mobilización de homes e mulleres que forman parte das candidaturas”.
“O BNG é unha das organizacións políticas con maior implantación territorial no conxunto do país”, destacou Cela na súa intervención na que destacou que máis de catro mil persoas forman parte das 245 candidaturas presentadas pola formación nacionalista.
BNG presenta candidaturas no conxunto de comarcas do país e, por primeira vez, presenta candidatura en todas as entidades locais menores. “Poucas organizacións poden contar cunha presenza tan forte no territorio, o que suporá un aumento de representación do nacionalismo nos concellos”, dixo Rubén Cela.
Desta maneira, un 95 % da poboación poderá votar ao BNG nun total de 80% dos concellos galegos . “Máis do 50% das persoas que se presentan nas nosas candidaturas non son militantes do BNG, o que é indicativo da mellora da percepción social e de que moita xente volve mirarnos con entusiasmo até chegar a comprometerse”, afirmou o coordinador de campaña.
En canto á formación das candidaturas, Cela destacou o incremento das mulleres e a xente nova, mesmo para as alcaldías, o que significa “o importante relevo xeracional dunha forza política con futuro que recobra a capacidade de mobilización da mocidade”.
Neste sentido, agradeceu moi especialmente “ás persoas que aceptan ir en candidaturas do BNG xa que hai moitas persoas ás que aínda lle é difícil expresarse libremente xa que a coacción e a chantaxe segue a funcionar e, ás veces, presentarse é case heroico”.
Superar resultados 
Rubén Cela mostrouse convencido de que o BNG superará resultados nos próximos comicios. “Revalidaremos alcaldías como Pontevedra, Carballo, Ponteareas e moitos outros e volveremos gobernar en concellos dos que nos sacaron de maneiras espúreas como Fene, Boimorto ou Pontecesures”, dixo o coordinador dunha campaña da que agarda un incremento de presenza notábel nas corporacións municipais. Recuperar a presenza en Ourense e Vigo e aumentar a representación considerabelmente nas outras cinco cidades é outro dos obxectivos que a formación nacionalista marca para as próximas eleccións.
“As municipais son as eleccións máis próximas e é máis difícil gañalas nun plató de televisión de Madrid. A veciñanza coñece ás persoas que se presentan e as súas traxectorias e poden dar unha da implantación real das forzas políticas”, dixo.
Coas máquinas a todo gas, o BNG, a programación e deseño de campaña será un dos temas centrais Consello Nacional que se celebra este sábado.