Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

Abriuse en Mondoñedo o Centro Español de Documentación Espeleolóxica

Por 6 Maio, 2019Sin comentarios

alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, asistiu esta tarde ao acto de apertura do Centro Español de Documentación Espeleolóxica, que se empraza no Pazo de Santo Tomé, un local municipal e cedido polo Concello. Para a rexedora, “este importante reclamo, supón un gran paso para converter Mondoñedo nun referente imprescindible e de primeiro nivel como destino espeleolóxico, un dos obxectivos que sempre nos propuxemos dende o Goberno local e no que seguiremos a avanzar”.

Tralo acto, no que estivo acompañada da directora xeral de Turismo, Nava Castro, e do delegado Territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro; a alcaldesa mindoniense quixo agradecer de novo á Confederación de Espeleoloxía y Cañones (CEC) e a Federación Galega de Espeleoloxía que aceptasen o ofrecemento do Goberno local para emprazar este centro de documentación deste campo a nivel estatal.

Elena Candia considera que hoxe se dá “un gran paso”, que traerá ata a cidade tanto a espeleólogos federados como a cidadáns que queiran afondar neste campo.

Preto de 3.000 volumes

A Confederación de Espeleología y Cañones (CEC) celebrou hoxe a súa asemblea xeral e aproveitaron para abrir as portas do Centro Español de Documentación Espeleolóxica, que aglutinará no espazo cedido polo Goberno local a biblioteca da Federación Galega de Espeleoloxía, así como as memorias de todas as exploracións que se fixeron en España e a documentación da antiga Federación Española.  Preto de 3.000 volumes que serán organizados nunha primeira fase para, nun futuro, poder ser dixitalizados. Toda a documentación estará á disposición dos federados, así como do público en xeral baixo solicitude previa.

Un novo reclamo

Polo tanto, o Centro Español de Documentación Espeleolóxica supón un “importantísimo” reclamo para a cidade, onde se atopa a caverna calcaria máis grande de Galicia, a  Cova do Rei Cintolo, que “sempre potenciamos e intentamos poñer en valor dende o Goberno local”, chegando a ser distinguida como Destino Turístico Científico.