Skip to main content
ActualidadeRibadeo

O XIV Ribadeo de Tapeo cita do 11 a 19 de maio aos ribadenses e a todos os visitantes que se queiran unir

Por 11 Maio, 2019Sin comentarios


Ribadeo de Tapeo celebrarase na vila mariá do 11 ao 19 de maio. Ana María Martinez a concelleira de Turismo, Desenvolvemento Local e Comercio destacou que “Ribadeo de tapeo, con catorce anos de historia, supuxo a evolución dos ingredientes que dende o seu inicio configuraban as tapas, cun toque de sofisticación que nos permite degustar pequenos bocados cun variadísimo repertorio de ingredientes e elaboracións, que nada teñen que envexar á alta cociña.”
A cita, á que cada vez se suman máis visitantes, é xa un evento de referencia na Mariña de Lugo e no occidente asturiano. Coa suma de ingredientes, elaboracións e historia “acádase un produto máxico, presentado en pratos de amizade e bo ambiente onde ribadenses e visitantes rémdense aos praceres culinarios durante once días” afirma Ana María Martínez.
Este ano, logo do gránde éxito que tivo a primeira edición da Gastroxincana, volve a realizarse este xogo que consiste en superar, por equipos, unha serie de probas a través de pistas e que está dirixido a maiores de 18 anos. Os equipos estarán formados por un mínimo de 5 e un máximo de 10 compoñentes e o grupo que acade unha maior puntuación gañará unha cea para todos os membros do seu equipo.
O xogo comezará ás 20:30 h. do xoves 16 de maio. É preciso que un/unha compoñente de cada grupo, pase recoller o material e confirmar asistencia na Oficina de Turismo de Ribadeo ás 19:00 h. do mesmo día. Os equipos interesados en participar poderanse apuntar no correo gastroxincanaribadeo@gmail.com, onde hai que informar do número, nome dos/das participantes, dun número de teléfono ou correo de contacto mediante a ficha de inscrición que aparece na web. Os únicos requisitos que hai para poder participar son os de respectar o número de compoñentes do grupo, que tódolos participantes teñan máis de 18 anos, probar as tapas en tódolos locais de hostalaría polos que lle toque pasar ao equipo e que se algún membro do equipo non pode beber bebidas alcohólicas deberá informar antes do comezo do xogo.
A puntuación variará en función de diferentes factores. Por cada proba superada, o equipo recibirá unha puntuación que se determinará segundo a execución e implicación do grupo. Ademáis, poderanse acadar puntos extra, e para iso, os membros de cada equipo deberán estar atentos á páxina de facebook de Ribadeo de Tapeo ou ao correo proporcionado, onde a organización indicará máis formas de acadar puntos. Tamén se valorará a caracterización do grupo, obtendo puntos extra segundo a orixinalidade do disfraz.

Haberá cartóns nos establecementos nos que os clientes poderán valorar a tapa e o local que máis lles gusten. Entregaranse o premio á “Tapa do Público” que será a tapa máis votada pola clientela que obteña a mellor puntuación e tamén o premio “A Mellor Barra” que será a mellor valorada pola clientela e onde se valorará a ambientación do local, a profesionalidade no servizo (atención, rapidez, información sobre o concurso), as instalacións (conservación, orde, limpeza e adecuación), así como a experiencia global dos clientes.