Skip to main content
ActualidadeMar AMARIÑAXA

A veda do polbo en Galicia comezará hoxe

Por 17 Maio, 2019Sin comentarios

A veda do polbo en Galicia comezará hoxe e rematará o 1 de xullo de 2019. Así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie para a campaña 2019/2020, que establece o período de veda do polbo para este ano entre as 16:00 horas do venres, 17 de maio, ata as 05:00 horas do luns, 1 de xullo.
As capturas desembarcadas o 17 de maio poderán ser comercializadas tamén o 18 de maio naquelas lonxas nas que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.
O período de veda do polbo significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.
A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan de experimental da especie, co fin de axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.
Plan 2019-2020
A Consellería do Mar e o sector consensuaron un novo plan do polbo para o vindeiro ano, que entra en vigor mañá e que permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece este plan, a partir do día 1 de xullo -data na que remata a veda- ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilogramos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos ao día. No que resta de campaña a cota máxima será de 50 quilogramos por embarcación e día, cantidade á que se lle engaden 50 quilogramos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilogramos por día.
O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06:00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05:00 horas- e finalizará ás 16:00 horas. Mentres, o descanso semanal desenvolverase desde as 16:00 horas do venres ata as 06:00 horas do luns. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados.
En canto ao réxime de calamento das nasas de cabo Silleiro a Corrubedo, os aparellos terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días coas seguintes excepcións: na zona de cabo Silleiro a Con da Aguieira aquelas que estean establecidas en fondos superiores aos 20 metros poderán permanecer no seu calado sen ser levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal. O mesmo rexerá para a cara oeste da illa de Ons, desde O Con da Serriña ata o illote do Centulo, onde as nasas poderán permanecer no seu caladoiro sen seren levadas a porto e sen limitación de profundidade.
Na zona de Con da Aguieira a Cabo Corrubedo ata o 1 de outubro terán que levantarse as nasas e levalas a porto todos os días. Desde esa data ata o inicio da veda do ano seguinte, as nasas poderán permanecer caladas incluso durante o período de descanso semanal. No resto do litoral galego, as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal.
A actividade será controlada a través do programa de seguimento e control, levado a cabo pola Subdirección Xeral de Gardacostas en colaboración cos gardapescas das confrarías e os servizos contratados ao efecto.