Skip to main content
Sin categoría

Máis de 50.000 tapas foron servidas polos 45 locais participantes no Ribadeo de Tapeo

Por 21 Maio, 2019Sin comentarios

A concelleira de Turismo, Ana Martínez, fai un balance moi positivo do XIV Ribadeo de Tapeo. En total foron vendidas máis de 50.000 tapas entre o 11 e o 19 de maio, o que supuxo un movemento de 75.000 euros en total nos 45 establecementos participantes nesta edición. O broche de ouro chegará esta tarde que será cando se coñeza o nome das tapas gañadoras para o xurado profesional, que se reunirá a partir das 17:00 horas no hotel Voar. Son 16 os locais que, de modo voluntario, presentan as súas tapas a concurso. Nuns días coñecerase a mellor tapa elixida polo público e tamén a mellor barra.
A edil de Turismo declarou que “logo de nove días tapeando por Ribadeo, temos que facer unha valoración moi positiva desta décimo cuarta edición do Ribadeo de Tapeo no que de novo sobrepasamos a barreira das 50.000 tapas servidas polos 45 establecementos que participaban no concurso. Isto arroxa uns números importantes e nestes nove días soamente en tapas se moveron 75.000 euros. Creo que é un dato importante para a hostalería porque arredor deste movemento gastronómico tamén hai o consumo que vai aparellado a saír a tomar a tapa e o que supón”.
A concelleira manifestou que “dende o Concello estamos contentos de que a xente participase de novo deste xeito tan importante, e desde logo porque creo que é un evento salientable previo á tempada de verán, un evento que dinamiza a hostalería e a vida ribadense. Tamén queremos agradecer a participación dos 45 establecementos nesta décimo cuarta edición e tamén a toda a xente que dende o Concello, os técnicos e as técnicas, fan posible a organización de todo este evento que supón moitas horas de traballo. Creo que é a resaltar este traballo e de agradecer”.
Ana Martínez engadiu que “o Ribadeo de Tapeo non rematou e hoxe ten o seu broche final coa presentación ao concurso do xurado profesional. Será esta tarde cando os establecementos que así o decidiron, de maneira voluntaria, se someterán ao criterio do xurado que este ano está composto por Bruno Lombán do restaurante Quince Nudos, de Ribadesella, que ademais está vinculado familiarmente con Ribadeo; Álvaro Villasante, que é o chef do Restaurante Paprika de Lugo; Maricha Bermúdez, que é a alma máter do restaurante La Taberna Rotilio, de Sanxenxo, e que recibiu o premio Picadillo 2017 no Fórum Gastronómico. Tamén contaremos cunha muller referente na cociña galega, unha das primeiras estrelas Michelín, Toñi Vicente. Ademais temos a colaboración dende sempre de dúas persoas importantísimas no Ribadeo de Tapeo todos os anos, que axudaron dende os seus inicios e que están sempre para poñer o seu grao de area, que son os dous profesionais da hostalería Miguel Ángel Sánchez e Ana Martínez. Así que hoxe, a partir das cinco, contaremos con esta nova edición dos premios do xurado e da Tapa de Ribadeo”.
A concelleira ribadense convida “a quen queira participar hoxe pola tarde para asistir ao evento no Restaurante Voar, e a partir das oito ou nove da noite poderemos dar os gañadores destes premios. O Premio do Público será escrutado en base ás diferentes urnas que se foron deixando nos bares e onde os participantes, esa xente que fixo posible que se venderan máis de 50.000 tapas, foron depositando o seu voto para decidir cal é a tapa que máis gustou e a barra que máis gustou pola súa decoración. Agradecer o traballo de todos os hostaleiros e hostaleiras, e quedar emprazados para o Ribadeo de Tapeo 2020”.