Skip to main content
ActualidadeViveiro

O candidato do PP á Alcaldía de Viveiro, Óscar Rodríguez, deu a coñecer as súas medidas no eido do benestar social

Por 23 Maio, 2019Sin comentarios

O candidato do PP á Alcaldía de Viveiro, Óscar Rodríguez, deu a coñecer as medidas que desenvolverá no eido do benestar social. Por un Viveiro que “vive e no que contamos todos”, o popular compromete a creación dun novo centro de día ou servizo de atención diúrna para persoas maiores dependentes, un programa de envellecemento activo e unha escola de maiores. “Os nosos maiores deben ser sempre unha prioridade para todas as administracións e, especialmente, para o Concello”, indica.
O alcaldable tratou estas medidas, que desenvolverá “pensando e tendo como prioridade aos nosos maiores”, coa Conselleira de Política Social, Fabiola García, durante a visita que a responsable do departamento da Xunta de Galicia fixo hoxe á cidade.
Óscar Rodríguez explica que os veciños e veciñas demandan un centro de día mixto, que atenda a persoas con distintos graos de dependencia. “É un servizo moi necesario para mellorar a calidade de vida, ralentizando síntomas propios da idade”, engade.
A través do Programa Integral de Envellecemento Activo posibilitarase “a participación e dinamización social da veciñanza, con influencia na mellora da súa calidade de vida”, asegura. Este programa incluirá talleres de promoción de hábitos saudables e da actividade física, de estimulación cognitiva, de capacitación para as actividades da vida diaria, e de habilitades e creatividade. A Escola de Maiores é o espazo que se destinará ao desenvolvemento do programa de envellecemento activo, alternándose con outras instalacións municipais ou exteriores. O programa do PP tamén inclúe o compromiso de desenvolver un programa de acompañamento.Óscar Rodríguez defende que se está ante un programa “para todos” con medidas dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas e garantir o seu benestar. Pensando nas familias, o candidato popular defende a necesidade de crear en Viveiro un Punto de Encontro Familiar. Un servizo que preserva a relación entre as e os menores e as persoas das súas familias en situación de crise, procura a seguridade e o benestar das e dos menores, favorece a relación coas súas familias e facilita o cumprimento do réxime de visitas.
Ademais, o programa inclúe tamén a creación dun Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero e os seus fillos e fillas. Trátase dun centro de atención integral inicial, con carácter transitorio, das mulleres vítimas de malos tratos e dos seus fillos, que precisen un lugar de acollida con carácter urxente.
A maiores, Óscar Rodríguez desenvolverá un programa alternativo de ocio nocturno xuvenil, dirixido a mozos de entre 12 e 18 anos e outro de apoio á conciliación familiar nas vacacións. Trátase dun recurso complementario aos campamentos de verán que poida cubrir a segunda quincena de xuño, a primeira quincena de setembro e as vacacións escolares de Nadal. Ademais, esta demanda, unidade ao problema de inserción laboral que sofren as mulleres con fillos e fillas menores a cargo, da lugar á creación dunha bolsa de emprego cooperativo, mediante o cal as nais en situación de desemprego poderán inscribirse como coidadoras do programa.O candidato do PP á alcaldía de Viveiro porá en marcha o Servizo Municipal de Deportes, dirixido por un profesional cualificado, coa participación dos distintos colectivos, clubs, colexios e asociacións deportivas, sendo as súas áreas de actuación o deporte escolar, deporte federado, deporte para todos, deporte adaptado e caza e pesca. No eido deportivo tamén comprometen a creación de zona de xogos tradicionais e populares e a habilitación dun área para o deporte ecuestre.