Skip to main content
ActualidadeLourenzá

O PSOE de Lourenzá busca “seguir mellorando a calidade de vida dos veciños co incremento dos servizos sociais”

Por 24 Maio, 2019Sin comentarios

A candidata do PSOE á alcaldía de Lourenzá e actual rexedora do municipio, Rocío López, subliñou que “afrontamos con máis ilusión, se cabe, que hai catro anos, cando chegamos á alcaldía, o desafío de seguir mellorando a calidade de vida dos nosos veciños, coa renovación de infraestruturas e dotacións públicas que o PP deixara obsoletas, e incrementando os servizos sociais”. Díxoo no mitin celebrado este mércores no que tamén participaron o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Exdeputado do PSOE no Parlamento Galego, Ismael Rego.
López lembrou que “no 2015 acadamos un compromiso con todos os laurentinos para deixar atrás a etapa de crise económica a que sumiu o PP ao noso Concello e avanzar cara un novo tempo de estabilidade e transparencia na xestión pública. Nestes anos, e pesares das dificultades, levamos a cabo importantes melloras nas parroquias como os alumeados, os accesos, as estradas… que co PP estaban totalmente abandonadas, pero aínda nos quedan moitas cousas por facer”.
Entre os novos proxectos que o PSOE de Lourenzá se compromete a levar a cabo na vindeira lexislatura destacan: a construción dun campo de herba artificial en Santa Cruz; a realización dun estudio para a dotación de pistas de atletismo en Recemil, con acceso directo dende a estrada nacional; a remodelación integral da estrada da “ruta do colesterol”, con aglomerado en quente e construción de beirarrúas para os peóns en todo o seu percorrido; a creación dunha área para autocaravanas; a ampliación e mellora do depósito de augas de Soutelo; ou a construción de novos puntos de abastecemento de augas nas parroquias.
Os socialistas presentan un programa centrado na mellora de servizos públicos municipais e infraestruturas como o pavillón municipal; ampliación e mellora das redes de alumeado público e instalación de luminarias de led para un maior aforro enerxético en todas as parroquias; continuar mellorando as beirarrúas en todas as vías municipais; seguir rehabilitando a rede de estradas municipais con aglomerado en quente en todas as parroquias; mellora das instalacións do ximnasio e xestión do mesmo con persoal municipal; reforma das instalacións da Casa da Xuventude e habilitación de locais para as actividades das distintas asociacións; instalación dun punto de recarga para coches eléctricos; solicitar a administración autonómica melloras no CEIP Juan Rey; ampliación do servizo de Axuda no Fogar, ou a posta en marcha de programas de loita contra a pobreza e a exclusión social.
Ademais, o PSOE de Lourenzá comprométese a promover a rehabilitación do Mosteiro de San Salvador coa finalidade de darlle unha utilidade pública: residencia de maiores, auditorio, albergue… así como a remodelación do Campo dos Bolos; promoción do Camiño Norte ao seu paso por Lourenzá; creación dunha escola municipal de teatro; seguir impulsando programas de envellecemento activo nas parroquias; escolas de verán e de nadal para os nenos; ampliar a gratuidade dos libros de texto a toda a Educación Primaria; ou solicitar da Real Academia Galega que o día das Letras Galegas do ano 2021 se lle dedique a Don Francisco Fernández del Riego, ao cumprirse a finais do próximo ano os dez anos do seu pasamento.