Skip to main content
ActualidadeTrabada

O Centro de Maiores de Trabada tivo unha xornada de portas abertas

Por 1 Xuño, 2019Sin comentarios

16 veciños de Trabada coñeceron as instalacións do Centro de Maiores que Deputación e Concello construíron no municipio. A Alcaldesa e Deputada en funcións, Mayra García Bermúdez, mantivo un encontro con veciños na xornada de portas abertas que tivo lugar hoxe, e na que puideron coñecer de primeira man as instalación e os servizos que ofrece esta dotación social, que xa conta con 10 usuarios.
O vindeiro luns convocouse unha comisión de valoración para resolver outras 12 solicitudes. É dicir, a vindeira semana entrarán na residencia outros 12 usuarios. Destas 12 solicitudes, 4 son de veciños de Trabada, 2 de Mondoñedo, 2 de Lourenzá, 2 de Viveiro, 1 de Alfoz e 1 de Foz. O centro dispón de 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. Primeiro entrarán os maiores que solicitaron o réxime residencial, e a continuación farano as persoas que soliciten só o servizo de centro de día.
García Bermúdez explicou que “trátase da primeira xornada de portas abertas que celebramos no centro. En total apuntáronse 16 persoas, que puideron coñecer as instalacións e o seu funcionamento ao longo de toda a mañá”. Ademais, subliñou que “as incorporacións vanse facendo pouco a pouco para respectar o período de adaptación das persoas, o que buscamos é non masificar o centro de golpe. Por iso, procuramos que o mesmo día non entre un volume moi elevado de usuarios, senón que vaian accedendo de forma escalonada para que se poidan ir coñecendo e a adaptación sexa o máis sinxela posible”.
Esta xornada realizouse a petición dos propios veciños, tanto dos posibles usuarios como das súas familias, que queren coñecer as distintas instalacións, como se vive no centro, que actividades se realizan… e rematou despois da comida, que estivo adaptada á necesidade de cada unha das persoas (diabéticos, comida sen gluten, baixa en calorías, sen sal, etc).
O prazo de solicitudes para acceder ao centro de Trabada continúa aberto. O proceso de valoración estano a desenvolver traballadores sociais do Concello e Deputación, que avalían as necesidades e situación de cada maior para establecer o prezo en función da súa capacidade económica, pois fixouse que sempre conten cun 25% dos seus ingresos libres para o seu día a día. Os interesados poden solicitar toda a información e formalizar as súas solicitudes a través do propio Concello.
A residencia de Trabada é un centro adaptado ás persoas, aberto, os usuarios que teñen autonomía poden entrar e saír cando así o desexen e seguir facendo a súa vida habitual, por exemplo, non hai un horario fixo para as comidas, senón que hai uns marxes para que as persoas poidan adaptarse, sempre baixo unhas normas básicas de convivencia.
Durante o primeiro mes, establécese un plan de atención individualizada, supervisando cales son as necesidades, como evoluciona e se adapta cada usuario, ou que actividades encaixan máis co perfil de cada persoa para o desenvolvemento da súa autonomía. A partir do primeiro mes xa teñen un plan específico que se mantén no tempo.
O Concello de Trabada e a Deputación acordaron os convenios marcos e específicos de funcionamento do centro de maiores, así como o regulamento de acceso e a ordenanza de prezo público. Estes son os documentos que garanten a xestión pública dos centros dende a Deputación, que as prazas sexan de xeito preferente para os veciños do Concello, en segundo termo para os da bisbarra, e por último para lucenses en xeral. Tamén garante que todos os veciños poidan acceder ás prazas. A Deputación financiará ata un máximo de 600 euros. No caso de que esta cantidade sexa insuficiente, o organismo provincial achegará o déficit económico co fin de garantir o acceso universal de todos os lucenses á residencias e centros públicos da Deputación nos Concellos.