Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Será inaugurado o recén creado espazo feminista na biblioteca municipal de Ribadeo

Por 18 Xuño, 2019Sin comentarios

O vindeiro xoves, 20 de xuño, será inaugurado o recén creado espazo feminista na Biblioteca Municipal de Ribadeo.
Segundo explican desde a Concellaría de Igualdade e desde o CIM “Abrindo cancelas é unha campaña de sensibilización en igualdade  entre mulleres e homes mediante a promoción da lectura. A igualdade precisa que a cidadanía adquira ferramentas e tome conciencia para que cesen e diminúan as discriminacións existentes nos diferentes ámbitos (público e de participación social, laboral, no fogar e nos coidados, no deporte…). Por outra parte, a igualdade configurase tamén como a mellor forma de combater e erradicar ás violencias machistas”.
E engaden que “con esta campaña de Abrindo cancelas ven de crearse  un espazo feminista dentro da Biblioteca Municipal. Consiste na creación dese espazo e na difusión do mesmo. Habilitouse un espazo  na sala principal no que se integraron todos os libros que xa hai sobre igualdade e violencias de xénero e ademais para complementar o material existente na Biblioteca se realizou unha compra de obras clásicas do feminismo e de novos títulos que  están a saír ao mercado. Desde a Concellaría de Igualdade faise unha importante inversión para incorporar libros ao patrimonio da Biblioteca Municipal. Dividíronse por idades, en infancia, adolescencia e adultos. E para darlle difusión a esta iniciativa  editouse unha libreta pequena que leva unha frase da escritora Begoña Caamaño e que se repartirá entre todas as persoas socias da Biblioteca. As persoas interesadas en contar con ela só teñen que pasar por alí a recollela”.
O vindeiro xoves, 20 de xuño, ás 20.00 horas  darase a coñecer este espazo feminista ao público. E para a súa inauguración contarase coa presenza da escritora e profesora da USC Carmen Blanco. Desde as Concellarías de Igualdade e Cultura “convidamos a todas as persoas que gusten da lectura a achegarse a coñecer este novo espazo”.