Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

A Audiencia de Lugo condena a tres anos e medio ao expárroco que se apropiou de decenas de obxectos relixiosos

Por 21 Xuño, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou o que foi párroco entre 2008 e 2012 de lugares situados nos termos municipais de Ribadeo e Trabada a tres anos e medio de cárcere como autor dun delito continuado de apropiación indebida. O tribunal tamén sentenciou a un ano e tres meses de cárcere, como autor dun delito de receptación, o home que permutou algúns dos obxectos que lle entregou o relixioso. O expárroco deberá indemnizar ao Bispado de Mondoñedo-Ferrol polos efectos non recuperados na cantidade que se acredite en execución de sentenza.
Os xuíces relatan na resolución que o sospeitoso se apoderou e incorporou ao seu patrimonio “decenas de obxectos relixiosos e de culto e imaxes relixiosas, así como mobles e outros obxectos pertencentes ás parroquias”. Algúns estaban recollidos no inventario artístico de Lugo e a súa provincia e outros figuraban na lista de bens da Igrexa católica e o Ministerio de Cultura.
Os maxistrados consideran acreditado na sentenza que o expárroco, que era o encargado de coidar os bens pertencentes á Iglesia, se apropiou de parte deles e, outros, llos deu ao outro acusado, “ademais de arrogarse a potestade -da que non dispoñía- de decidir que bens tiñan valor e cales non”. O tribunal tamén asegura que o home condenado por receptación tiña “coñecemento da ilícita procedencia dos bens e obxectos que lle eran entregados”.