Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Ribadeo invita a saborear o mellor da horta cada domingo

Por 22 Xuño, 2019Sin comentarios
Ribadeo recupera dende este domingo, 23 de xuño, os mercados dos domingos, onde veciños e turistas poderán mercar un produto de granxa de calidade. Trece postos instalaranse ao longo do verán nas xornadas dominicais de nove da mañá a dúas da tarde, na contorna da praza de abastos, grazas a un acordo de colaboración que se renova cada ano entre a Asociación de Produtores A Sucadoira, que preside Ana Díaz, e o Concello ribadense, rexido por Fernando Suárez.
Trátase dun mercado, que se prolongará ata mediados de outubro e no que se poñen á venda produtos locais, sen intermediarios, é dicir, que van do produtor á mesa, poñendo en valor a economía máis próxima e potenciando o consumo de tempada.

“Imos atopar produto de cercanía, cosechado pola persoa que vai vender, recollido da noite e da mañá, é dicir que non vai á cámara, qu é natural e tamén os de carne teñen que producilos dese xeito”, sinala Ana Díaz, quen engade que para os visitantes e turistas este mercado é unha oportunidade porque “non teñen posibilidade nas grandes cidades de mercar unha leituga recén cortada da mañá, é totalmente diferente o sabor”.
O alcalde destaca a vantaxe de achegar os produtos aos consumidores, con produtos que van da horta á mesa, co que se persegue poñer en valor a economía máis próxima e coidar o consumo responsable e do medio ambiente. “Hai trece postos con oferta diversificada, ademais dos produto de horta, haberá ostras, queixos, cervexas e zumes, así que animamos a todo o mundo a vir cada domingo, porque todos os beneficios serán para a economía local, comeremos mellor e axudaremos aos produtore desta zona”, rubrica o munícipe.