Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

O PSOE esixe á Xunta o pago da débeda do Plan de Desenvolvemento Rural

Por 11 Xullo, 2019Sin comentarios

O portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, esixiulle á Xunta que desbloquee o pago dos 90 millóns de euros que lles adebeda aos beneficiarios das axudas do Plan de Desenvolvemento Rural en Galicia. O responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento polo “caos administrativo e de xestión” da Consellería de Medio Rural.

Esta situación está a provocar, explicou, “a paralización dos pagos dos fondos europeos do Feader, cos que se financia o PDR de Galicia 2014-2020”. O Plan de Desenvolvemento Rural ten un orzamento total de 1.186 millóns de euros para o período 2014-2020, o 75 por cento dos cales son financiados pola UE a través do dito Feader.

O “atraso inédito” destas partidas, engadiu, “está a xerar problemas de financiamento nas explotacións e no entramado empresarial do rural galego”, que “está a incorrer en custes financeiros, atrasos de pagos a provedores e mesmo en regulación de emprego nos casos máis graves”. Pérez Seco advertiu que “os problemas de liquidez xerados no agro por esta falla de xestión contrastan co anuncio a bombo e platillo da Lexislatura do Rural” polo goberno galego.

Dixo que os fondos resultan “fundamentais para a cohesión económica e social do rural galego, así como para a modernización e adaptación dos sectores agrogandeiro e forestal”. O fondo está “a cargo da promoción das boas prácticas agrarias e medioambientais, a xestión forestal e a prevención de incendios, a modernización das explotacións agrarias, a agricultura ecolóxica e a incorporación de mozos, ademais de pagos compensatorios ás zonas desfavorecidas”.