Skip to main content
ActualidadeBurela

Budiño actuará o 3 de agosto en Burela na Feira do Bonito

Por 15 Xullo, 2019Sin comentarios

Budiño actuará o 3 de agosto en Burela na Feira do Bonito, declarada de interese turístico nacional hai uns días. O concelleiro de Cultura, José Díaz, subliñou que o obxectivo do equipo de goberno é apostar polos artistas galegos para esta cita.
O edil burelés anunciou que “para a Feira do Bonito deste ano, que é a número trinta e cinco e que como sempre organiza Ledicia coa colaboración do Concello, decidimos traer a un artista moi representativo de Galicia, un gran artista ademais e diferente. Trátase de Budiño”.
José Díaz explicou que “é un compositor bastante atípico porque mestura a tradición galega con sons máis contemporáneos. Ten unha personalidade propia e moitos seguidores. Fai bastante tempo que non actúa pola nosa zona e pensamos que é unha boa idea para reforzar a programación cultural e musical neste caso da Feira do Bonito”.
O concelleiro lembrou que “este ano é o primeiro ano que faremos a festa sendo de interese turístico nacional e ese feito reforza aínda máis o obxectivo de traer artistas nosos, con nome e importantes pero nosos, de Galicia. Está ben que ao ser de interese turístico nacional traia moita xente de todo o país, incluso a nivel internacional, e que o que se vexa sexa representativo noso, que sexa tamén unha especie de feira de mostras cultural de Galicia tanto no aspecto artístico co certame de pintura mural Amarte como na parte musical dotándoa deste tipo de actuacións”.
Díaz engadiu que “Budiño actuará o 3 de agosto, día grande da Feira do Bonito, ás dez da noite, na carpa que instalará o Concello na que se fará tamén o pregón. O concerto é gratuíto e esperemos que esta aposta polo galego saia ben, e que a Feira do Bonito teña moita xente que esperamos para a parte gastronómica tamén para a parte musical con este concerto de Budiño”.