Skip to main content
ActualidadeBurela

O Concello de Burela, xunto a dúas asociacións locais, promocionarán a feira do bonito en Salamanca

Por 17 Xullo, 2019Sin comentarios

O Concello de Burela, xunto a representantes de Ledicia e da Moncloa, estarán este sábado, 20 de xullo, no Centro Galego de Salamanca para facer promoción da Feira do Bonito e dos atractivos turísticos da localidade.
O acto no Centro Galego está previsto para as 18:30 horas e despois, nun restaurante da cidade, terá lugar unha degustación de bonito, desde as sete ata as nove da noite. Absa enviará a ese establecemento uns 20 quilos de túnido para o seu cociñado en diferentes preparacións.
O alcalde burelés, Alfredo Llano, anunciou que “o sábado, día 20, imos ir a Salamanca un grupo de xente constituído por representantes do Concello de Burela, a sociedade cultural Ledicia e máis A Moncloa, que é unha asociación de mariñeiros xubilados relacionados dalgunha maneira con asuntos da pesca e do mar”.
O rexedor explicou que “imos ir ao Centro Galego de Salamanca a facer unha promoción e dar información do que é Burela e do que representa a pesca para a vila. Imos facer unha degustación, nun restaurante, con diversas formas de como preparar o bonito de Burela. Esta é unha promoción que víñamos facendo en distintos sitios para acadar o título honorífico de festa de interese turístico nacional para a Feira do Bonito. Como xa tíñamos apalabrado ir a Salamanca, imos ir alí cunha boa promoción e degustación, ademais de información do que é Burela e a pesca artesanal que estamos desenvolvendo para pescar a merluza, o bonito e calquera especie”.
Llano dixo que “imos invitar a moita xente. Xa hai confirmación de varios representantes institucionais e artísticos. Imos facer unha boa promoción nese Centro Galego e imos darnos coñecer. A xente da Moncloa vai preparada para contar a historia da pesca no noso concello, como foi evolucionando, cales foron as especies máis importantes e a importancia que tivo no noso concello a pesca do bonito. Queremos que se nos recoñeza. Ademais agora queremos promocionar a Burela a través da feira de interese turístico nacional”.
O alcalde sinalou que “esta iniciativa tamén está apoiada pola Fundación Expomar, como é normal porque queremos poñer en valor todo o que sexa relacionado coa pesca. Ademais, a través de Absa, vanse enviar arredor de vinte quilos de bonito ao restaurante para a degustación que imos ofrecer e que o preparen de múltiples formas, depende da imaxinación do cociñeiro. Tamén deixaremos no Centro Galego folletos de promoción de Burela para que motive
as visitas ao noso concello”.