Skip to main content
ActualidadeCervo

O obradoiro de emprego está mellorando as zonas verdes de Cervo

Por 18 Xullo, 2019Sin comentarios

O rexedor de Cervo, Alfonso Villares, acompañado polo edil de Formacion e Emprego, David Rodríguez, e da concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, visitaron ao alumnado e ao profesorado do obradoiro de Emprego ‘Sendas de Burela, Cervo e Xove V’, que remata este mes de xullo, e que se prolongou durante 9 meses.
O Concello de Cervo promove neste ocasión este taller compartido subvencionado pola Xunta de Galicia cunha aportación de 288.807 euros, no que se formaron, en total, 20 persoas desempregadas -7 alumnos en Cervo, en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería-.
Villares quixo poñer en valor o gran traballo levado a cabo tanto polo alumnado como polos monitores e “a súa gran contribución na mellora e acondicionamento das nosas zonas verdes, dos nosos espazos públicos”.
O rexedor explicou que os traballos centráronse fundamentalmente no acondicionamento da fonte do parque Reina Sofía, na contorna da Escola Infantil Municipal, dos exteriores das Escolas Vellas de Cervo e do Conxunto Histórico de Sargadelos; ademais da creación dunha composición ornamental na contorna da Capela de San Ciprián, no Porto de Arriba (na foto), e diferentes traballos de roza, poda ou plantación de especies de tempada.
Villares destacou a importancia que ten neste caso a colaboración institucional que “nos permite impulsar, grazas á inversión da Xunta de Galicia, este tipo de programas que contribúen enormemente a mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación teórico-práctica de calidade da man de profesionais cualificados”.
Un curso –engadiu-, “que lles permitiu reforzar os seus coñecementos, e adquirir novas competencias nun oficio que ten proxección práctica na nosa zona; unha formación que pode impulsar tamén o emprendemento ao facilitarlles as ferramentas coas que poderían iniciar os seus propios proxectos”.
Ademais de favorecer a inserción laboral os participantes fan un importantísimo labor nos nosos termos municipais, tal e como puidemos constatar durante todos estes meses “xa que desenvolven diferentes tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas; das que toda a veciñanza pode desfrutar”.