Skip to main content
ActualidadeCervo

A renovación da rúa Concepción Arenal de Cervo faina máis accesible

Por 21 Xullo, 2019Sin comentarios

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Obras e Infraestruturas, Mali Méndez, achegáronse ata a rúa Concepción Arenal, no centro urbano de San Ciprián, para supervisar os traballos de renovación integral que se están a acometer estes días e puideron constatar que avanzan a bo ritmo.
Tal e como explicou Villares, con esta actuación integral, que supón un investimento de algo máis de 240.000 euros procedentes de fondos municipais, “conseguimos unha accesibilidade real e a humanización de toda a contorna, creando espazos públicos moito máis confortables para os viandantes”.
Á hora de acometer a obra pensouse, especialmente, naquelas persoas que teñen dificultades de movemento “por iso se nivelou a beirarrúa coa estrada favorecendo así a súa autonomía”, especificou o rexedor.
Villares precisou que estes días estase a proceder á instalación e reestruturación de diferente mobiliario urbano -bancos de estrutura e material resistente, xardineiras e papeleiras- “elementos que están sendo ordenados co obxectivo de eliminar todo tipo de barreiras arquitectónicas, conseguindo unha accesibilidade total e garantindo en todo momento a seguridade dos peóns ante o tráfico rodado; sendo ao tempo estas bancadas elementos funcionais que lle poden dar un servizo á veciñanza como áreas de repouso”.
Pola súa banda Méndez concretou que se construíron beirarrúas amplas e accesibles para favorecer a intercomunicación entre o comercio, as vivendas e os peóns que transiten pola zona.  Os traballos que se están acometendo contemplan a renovación do pavimento de toda a rúa e a renovación dos servizos básicos como a rede de saneamento, independizando a recollida de augas fecais e pluviais –servizo, este último, que ata o de agora non existía nesta zona-. Ademais, tamén se está a renovar o alumeado público, substituíndo o tendido en superficie por unha canalización soterrada.