Skip to main content
ActualidadeRibadeo

A estación de autobuses de Ribadeo reformarase con 140.000 euros

Por 22 Xullo, 2019Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Ribadeo salienta o investimento do Goberno galego de máis de 140.000 euros para a renovación e mellora da estación de autobuses en Ribadeo.
O voceiro popular, Daniel Vega, recorda que “as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 8 de agosto”. O prazo de execución será de catro meses, polo que “as obras comezarán a finais de ano”.
O popular indica que “as actuacións que vén de licitar a consellería de Infraestruturas e Mobilidade permitirán aos usuarios e usuarias da terminal ribadense contar cunhas instalacións máis cómodas e eficientes”. Así mesmo, a estación de buses ofrecerá máis información sobre as liñas dispoñibles e os seus horarios.
Vega pon en valor que “a Xunta de Galicia segue a investir en Ribadeo en beneficio de todos e todas. E a renovación e mellora das instalacións da terminal de autobuses de Ribadeo é unha nova mostra do compromiso do Goberno de Feijóo coa nosa vila”.
As actuacións que se prevén realizar na estación de autobuses de Ribadeo afectarán tanto ao seu interior coma ao exterior. Concretamente, será renovada a cuberta da dársena incluíndo a substitución do canlón existente. Tamén se  reparará a instalación eléctrica e se substituirán a maioría das luminarias, ademais de instalar pantallas informativas electrónicas.
No seu exterior proxéctase a reparación do pavimento da zona de saída dos autobuses -coa reposición de mestura bituminosa e a reparación do pavimento exterior de formigón-. Tamén se propón a colocación dun rótulo informativo de “estación de autobuses”.
E o seu interior verase mellorado coa reparación dos falsos teitos que se atopan en mal estado, a substitución dos elementos de carpintería e material sanitario; así coma coa aplicación de pintura nas paredes.