Skip to main content
ActualidadeRibadeo

A Festa do Percebe de Rinlo porá á venda 750 kilos o vindeiro 3 de agosto

Por 28 Xullo, 2019Sin comentarios

O 3 de agosto celebrarase a XVI Festa do Percebe de Rinlo, que foi presentada esta mañá a carón das vellas cetáreas. En total vanse poñer á venda, na carpa da organización, 750 quilos deste produto e o prezo da ración será de 13 euros. Como novidade haberá visitas guiadas ás antigas cetáreas de Rinlo, unha pola mañá e outra pola tarde, e tamén un vaso conmemorativo deste evento gastronómico.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, declarou que “é a décimo sexta edición da Festa do Percebe de Rinlo, van máis de tres lustros desde esta idea que xurdira do Concello de Ribadeo nos primeiros anos, e despois foi trasladada á confraría de pescadores, singularmente a esta agrupación de percebeiros e percebeiras que a compoñen. Durante todo este tempo estiveron facendo unha festa que atrae a moitísima xente, que se fai no mellor da época estival, que se fai tamén aproveitando unha semana antes de mareas vivas para que se poida apañar todo o percebe posible e autorizado por parte da Xunta de Galicia nesta costa rinlega e ribadense en definitiva, para ofrecer o mellor do mar, para ofrecer un produto que todo o que vale ben o merece polo traballo e a dificultade que ten toda esta xente para arriscar as súas vidas e así poder ofrecer na mesa este produto tan duro e tan difícil de extraer como é o percebe de Rinlo”.
O rexedor engadiu que “tamén se fai para poñer en valor unha parroquia moi singular dentro de Ribadeo, dentro das doce parroquias que compoñen o concello, pero esta de Rinlo ten unha singularidade histórica, tradicional e que tamén contribúe con esta festa que se organiza”.
Suárez Barcia salientou que “eu quero valorar, desde o Concello de Ribadeo, que tamén aporta unha serie de cuestións de intendencia operativa para que toda esta chea de xente poida aparcar e vivir ese día con toda comodidade. Ademais quero valorar á Xunta de Galicia polo compromiso que tamén ten, así como a Abelleira e á propia asociación de veciños de Rinlo, que entre todos traballamos para que este día Rinlo brille no mapa do turismo, da gastronomía, do ben facer e sobre todo que resalte a labor dura e difícil de todos os percebeiros e percebeiras”.
Desde a agrupación de percebeiros e percebeiras Eloy Marcos lembrou que “levamos xa dezaseis anos facendo a Festa do Percebe no pobo de Rinlo. Todo o produto é de aquí, de toda a zona de Ribadeo que temos delimitada para collelo. Recollemos 750 quilos, na agrupación de pescadores temos un cupo de 10 quilos por persoa. A festa ten bastante afluencia e vaise vender a ración a 13 euros, como todos estes anos. Facémola na carpa do porto en Rinlo e tamén colaboran os bares. Vai haber música folk e cantos de taberna, igual que os anteriores anos. Este ano tamén temos un vaso corporativo da festa e queremos animar a todos a asistir o sábado 3 de agosto, a partir máis ou menos das dez da mañá ata que o corpo aguante e ata que dure o percebe tamén, que esperemos que teña boa acollida e que se venda ben”.
Eloy Marcos sinalou que “este ano tamén temos unhas visitas guiadas polas cetáreas de Rinlo, que van ser realizadas por unha mariscadora que ten moita experiencia. Van consistir nunha ruta con saída desde a carpa do porto ata a terceira cetárea de Rinlo. Vaise explicar o método de extracción e vaise dar tamén unha pequena degustación de percebe. Haberá unha pola mañá de dez e media a once e media, e outra pola tarde de sete e media a oito e media. Para as inscricións hai que chamar aos teléfonos 646 116 136 e 677 629 215. Temos un aforo máximo de 75 persoas, o prezo é de 2 euros e os pícaros poden ir de balde”.
Na presentación que tivo lugar en Rinlo esta mañá participaron varios membros da agrupación de percebeiros e percebeiras, o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Turismo e Medio Ambiente, Pablo Vizoso e Jorge Díaz.