Skip to main content
ActualidadeViveiro

O Beer-Veiro Fest será unha festa que reúna en Viveiro as mellores cervexas artesáns

Por 1 Agosto, 2019Sin comentarios

A segunda edición da Feira da Cervexa Artesá de Viveiro, a Beer-Veiro Fest, terá lugar os días 1, 2, 3 e 4 de agosto de 2019 nos Xardíns Noriega Varela e nela poderanse degustar uns 70 tipos de cervexas artesás diferentes o longo dos seus catro días de duración; asistirán cervexeiros artesáns procedentes de diferentes partes de Galicia e algún invitado de fóra.
Entre os invitados figuran Cervexa Burela, Cervexa Xistral de Viveiro, Skynet de Ourense, A Cova da Serpe de Lugo, Belecker de Ponferrada, Aloumiña de Lugo, The One Beer, de Madrid e Sanxenxo, a Castreña de León, o Misterio Brewing de Viveiro, La Ferrolana, de Ferrol, Cervexa Nasa de Ponferrada e Domenicus de Lugo.
 A Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns é a encargada de realizar este evento, co que pretende dar a coñecer un produto elaborado de xeito artesanal e profundizar na cultura desta bebida. 
Nesta segunda edición da Beer-Veiro Fest habilitaranse stands nos Xardíns Noriega Varela para poder degustar as diferentes variedades de cervexa artesá. A entrada á feira é totalmente gratuíta, pero para consumir haberá que mercar o vaso conmemorativo da feira, no que se servirán as cervexas. Os visitantes que queiran acceder pero non consumir poden facelo, ao ser libre o acceso; o vaso da feira actúa como pasaporte para visitar os diferentes stands.
O Beer-Veiro Fest é un festival de carácter familiar, que ten como obxectivo principal fusionar a cervexa artesá coa comida de rúa e unha ampla programación de música, obradoiros para os cativos, concursos, etc., creando así un espazo cultural diferente, no que tamén se creará un espazo de xogos populares de madeira para os máis pequenos (a rá, pica peixe, a chave, aros…) e se ofrecerán talleres infantís.
O programa concreto da feira é o seguinte:
O Xoves, 1 de agosto, ás 18:00, inaugúrase o festival, despois ábrese a zona de xogos populares e as 22.00 horas actúa o grupo Skintight. 
O venres 2, ás 12 horas ábrese o festival e os xogos e ás 20.45 actuará Far Away Place.
O sábado 3, haberá ás 19 horas un obradoiro para nenos de elaboración de batidos a cargo de Eureka Kids e un concerto nocturno de Punta Norte.
O domingo 4 de agosto, haberá ás 13 horas unha sesión Beer-mu co DJ Dj Popy García (Tropical Boyz), ás 19 horas, un obradoiro para nenos de cociña a cargo de Eureka Kids, concerto ás 21.30 horas de Crooner 432 e despois celebraranse os concursos da mellor etiqueta e da mellor cervexa, así como o mellor foodtruck e o premio aos mellores cervexeiros.
Tendo en conta que a Beer-Veiro Fest coincide coa celebración da Mostra Folklórica Internacional, realizouse a programación prevendo que non se solapen os concertos nin os eventos.