Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Unha campaña presentada en Ribadeo vela por que as mulleres percorran seguras o Camiño

Por 7 Agosto, 2019Sin comentarios

Ribadeo inicia unha pioneira campaña contra as violencias machistas no Camiño de Santiago. O proxecto ‘Ribadeo, Camiño Seguro’ impulsa accións de sensibilización contra os abusos a mulleres co fin de establecer medidas que garantan o seu dereito a viaxaren soas. Co patrimonio cultural e paisaxístico do Camiño do Norte como escenario e a erradicación das violencias machistas como principal obxectivo, a campaña ‘Ribadeo, Camiño Seguro’, co-
financiada polo programa ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia, quere concienciar sobre o dereito das mulleres a percorreren o mundo consigo mesmas.

A iniciativa, impulsada por Arabías Sociedade Cooperativa Galega coa colaboración das concellarías de Igualdade e Turismo do Concello de Ribadeo e 7H Cooperativa Cultural responsable da liña gráfica e o material audiovisual, procura impugnar os discursos que cuestionan a liberdade das mulleres para peregrinar e viaxar soas, garantindo espazos de seguridade ante posibles situacións de abuso a todas as visitantes deste concello da Mariña Lucense.

O proxecto, presentado publicamente o pasado 24 de xullo no Concello de Ribadeo, vén de iniciar a súa primeira fase a través dunha campaña de concienciación e sensibilización contra as violencias machistas asentada na convicción, resumida en forma de lema, de que “viaxar soas é unha opción e unha vida libre de violencia, un dereito”.

A través da difusión de carteis e folletos informativos en galego, castelán e inglés en albergues, establecementos hoteleiros e comerciais da comarca, a iniciativa convida ás mulleres que atravesan o municipio lugués a compartir as súas vivencias a través dun chío que inclúa os cancelos da campaña #RibadeoCamiñoSeguro, #OteuXacobeo #Xacobeo202 ou mediante o envío dunha nota de voz a través do Whastapp ao +34 609 050 176.

A recollida de testemuños, coa que se aspira a establecer medidas que garantan a protección das mulleres que deciden viaxar soas, complementarase coa voz de veciñas ribadenses, ás que se convidará a participar nun grupo de discusión orientado ao intercambio de experiencias que se organizará nos próximos meses, xunto a tres mesas de traballo, integradas por representantes políticos, persoal técnico e actores do tecido empresarial do concello, nas que se avaliará colectivamente a situación actual das violencias machistas na ruta de peregrinaxe.

A partir da información recompilada ao longo dos meses de campaña e das conclusións que se extraian dos encontros entre os diferentes axentes sociais do municipio, traballarase na elaboración dun Pacto Local contra a violencia sexual no Camiño do Norte. Paralelamente a estas accións, dado que outros dos obxectivos da campaña é difundir a riqueza patrimonial e natural do itinerario a Santiago ao seu paso polo concello ribadense, nas vindeiras semanas o seu territorio será o obxecto de gravación dun vídeo promocional.