Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Elena Candia dá a coñecer o Mercado Medieval en Ribadavia e anuncia quen lerá o pregón

Por 8 Agosto, 2019Sin comentarios

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, desprazouse onte ata a capital do Ribeiro, Ribadavia, na provincia de Ourense, para dar a coñecer o XXVIII Mercado Medieval que a cidade mindoniense acollerá dende mañá venres ata o domingo. 

Despois de achegarse a Oviedo e Santiago de Compostela, agora Elena Candia convida en Ribadavia –municipio que tamén celebra unha festa de ambientación medieval: a Festa da Istoria- aos veciños e veciñas do Ribeiro, e de toda a provincia de Ourense, a achegarse a Mondoñedo para vivir o Mercado Medieval de Mondoñedo, declarado Festa de Interese Turístico Galego. Candia estivo acompañada polo rexedor local, César Fernández Gil.

A alcaldesa tamén mantivo unha reunión coa Coordinadora da Festa da Istoria, que anualmente recorda a historia da vila de Ribadavia e da súa bisbarra, nunha recreación medieval onde se encontran representadas as distintas culturas, relixións, oficios e clases da época, outorgándoselles  recoñecementos a nivel rexional, estatal e internacional. O encontro permitiu que se tendesen “pontes de traballo e de colaboración” de cara a vindeiras edicións entre as dúas cidades que no mes de agosto reviven o seu pasado medieval, segundo traslada Elena Candia. Ademais, esta colaboración farase tamén extensible a outras actividades de diferentes agrupacións tanto mindonienses como de Ribadavia. 

En Ribadavia, a rexedora mindoniense puxo en valor “o marco incomparable para a celebración do Mercado Medieval que constitúen as rúas de Mondoñedo –que forma parte da rede de Los Pueblos Más Bonitos de España-  e o entorno da catedral -declarada Monumento Nacional en 1902 e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no 2015 xunto ao Camiño Norte que tamén pasa por Mondoñedo, ademais de ostentar a distinción de Ben de Interese Cultural (BIC)-”.

Pero, ademais desta localización que contribúe a “unha ambientación perfecta” e o apoio de veciños e visitantes que asisten caracterizados de época; hai que destacar “o imprescindible labor dos voluntarios que fan posible esta cita ano tras ano”. Como sinal de recoñecemento polo seu traballo, o pregón desta vixésimo oitava edición correrá a cargo de Concepción López, filla de Pepín Agrelo, un dos impulsores do Mercado Medieval de Mondoñedo.

Así mesmo, “o éxito desta cita que cada ano gaña visitantes radica tamén na implicación dos traballadores municipais, o comercio, a hostalería local e outras tantas persoas que colaboran para que cada edición vaia a máis”, tal e como remarcou Elena Candia.

LUCES NA CATEDRAL. A Catedral de Mondoñedo será a protagonista dun espectáculo de luces que se proxectará sobre a súa fachada o sábado 10, xornada na que tamén se desenvolverá un espectáculo aéreo e de circo –que tamén se repetirá o domingo 11- seguidos dunha queimada popular.

“Este ano substitúense os números de lume polo espectáculo de luz sobre a Catedral que, sen dúbida, merecerá a pena presenciar en vivo”. Deste xeito, “a organización da cumprimento, así, ao Plan de Seguridade”, expuxo a alcaldesa.

NOVIDADES. Entre as principais novidades do programa desta edición atópase o concerto de música andalusí, cristiá e sefardí denominado “La Mujer en el Al-Andalus”, así como unha representación histórica sobre as orixes da Cidade de Mondoñedo a cargo da Asociación Cultural O Pasatempo e en homenaxe aos amigos do Mercado Medieval.

Con todo, a organización continúa a apostar tamén polos espectáculos que máis gustan coma, por exemplo, o torneo medieval a cargo de Hípica Celta, o campamento infantil, as vodas medievais ou a cea medieval da noite do sábado; ademais das actuacións de rúa durante todo o día. 

En total, serán preto de 150 os postos de alimentación e artesanía os que se instalen nas rúas do casco histórico onde tamén se desenvolverán as máis de 80 actividades previstas que inclúen demostracións de oficios tradicionais –fiandeiras, palilleiras, zoqueiro, cantería ou coiro- e espectáculos de animación –música, títeres e humor- aos que hai que engadir tamén exhibicións de cetrería, entre outros espectáculos.