Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

As confrarías poden pedir axudas para abaratar o consumo de luz

Por 16 Agosto, 2019Sin comentarios

A Consellería do Mar vén de convocar axudas destinadas ás confrarías de pescadores para proxectos colectivos de mellora nas lonxas en materia de iluminación. A elas a Xunta destina máis de 250.000 euros e con elas lograrase reducir como mínimo un 40% do consumo anual. Así o destacou hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante unha visita á lonxa de Porto do Son, unha das beneficiadas por este tipo de axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). 

A conselleira explicou que coa convocatoria, publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia, a Xunta busca modernizar as instalacións de iluminación interiores das lonxas baseadas en tecnoloxía led, modernizar ou incorporar sistemas de control de acendido e instalar sistemas de regulación do nivel de iluminación.

Deste xeito, destacou Rosa Quintana, Galicia dá un paso máis e complementa a última convocatoria de axudas para modernización dos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque. No marco desa última convocatoria, expuxo, a Xunta aprobou 32 axudas a 26 confrarías por un importe de 800.000 euros para mellorar a calidade dos produtos da pesca, elevar o control e a trazabilidade dos produtos, incrementar a eficiencia enerxética e mellorar a seguridade e as condicións de traballo nas lonxas. 

SOLICITUDES. As confrarías de pescadores interesadas en solicitar estas axudas poderán consultar os requisitos e a documentación necesaria na orde publicada onte no Diario Oficial de Galicia. Ademais para documentación que deben achegar coa solicitude, entre ela a memoria de proxecto,  poden consultar os modelos neste enlace da web da Consellería do Mar. 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde hoxe e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.