Axencia de colocación

O desprendemento de rochas nas Catedrais reabre o debate sobre a responsabilidade das administracións

A praia ribadense e monumento natural das Catedrais, en pleno auxe turístico propio desta tempada alta na que recibe a preto de 4.000 visitas ou máis ao día, experimentou un novo derrube, o xoves, que non lle causou feridas a ninguén. O acontecido reabriu o debate sobre que Administración tería máis responsabilidade se un accidente mortal sucedera, como xa pasou na pasada Semana Santa.

As caídas de lousas son habituais nunha costa regresiva como a ribadense e sobre todo prodúcense con choivas como as recentes. O desprendemento prodúxose pola mañá nunha cova e cabe lembrar que foi nunha cova onde falecera unha turista por mor precisamente dunha rocha que se desprendeu e lle caeu enriba.

A Xunta aduce que só ten competencias na parte medioambiental e que o control de acceso, para non deixar pasar a máis de 4.812 persoas ao día, débese á preservación do areal. Non obstante, o persoal contratado no lugar na tempada alta advírtelles aos turistas sobre os riscos que corren ao entrar, tras pedir o pase gratuito, que se obtén na web das catedrais.xunta.gal.

Pola súa banda, o Concello, que ten en marcha un plan de uso para a praia, obxecta que non podería ter por si só competencias para afrontar a responsabilidade do que aconteza en caso de grave accidente e a Dirección de Costas do Estado tampouco considera que poda prohibir o acceso a unha zona libre, polo que, polo momento, parece que toda a posible responsabilidade neses casos recaería no turista.

Falta por ver o que dictamina a Xustiza neste senso, posto que a familia da víctima mortal das Catedrais continúa o litixio contra as administracións con competencias no monumento natural.

Etiquetas