Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Culpan ao Goberno de desentenderse da seguridade na praia das Catedrais

Por 21 Agosto, 2019Sin comentarios

Os populares lucenses lamentan que as primeiras declaracións da nova secretaria xeral do PSOE en Lugo, Patricia Otero, sexan para xustificar a inactividade do Goberno central e antepoñer a defensa dos intereses do seu partido por diante da seguridade da veciñanza e dos visitantes da praia das Catedrais.

Neste senso lembran que a situación do areal ribadense non é distinta á do resto das praias de Galicia onde o Departamento de Costas do Estado ten plenas competencias para adoptar as medidas preventivas que garantan a seguridade das persoas que visitan estes espazos.

Aclaran que a praia das Catedrais está localizada integramente en terreos de dominio público marítimo-terrestre, competencia do Estado, e que o papel da Xunta limítase a regular a afluencia de visitantes como medida de protección do monumento natural, pero hai outros aspectos, como a seguridade, nos que a Xunta non ten competencias directas.

Desde o PP aseguran tamén que non pode entenderse como confrontación a advertencia realizada desde a Xunta en relación co resultado do informe xeolóxico encargado pola administración autonómica e que aconsella que a administración competente -neste caso a Estatal- reforce as medidas de seguridade e preventivas neste areal. Ante a falta de reacción de Costas a Xunta fixo o propio reforzando os sinais informativos de advertencia, pero Costas segue sen adoptar ningunha medida.

Para os populares, que Patricia Otero busque descargar ao Goberno Sánchez das súas obrigas, fai que quede inhabilitada para defender os intereses dos lucenses pero sobre todo, o que é aínda máis grave, demostra que por riba dos seus veciños prefire defender ao seu partido, incapaz de recoñecer que está a facer as cousas mal na praia das Catedrais co correspondente risco para as persoas.