Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O centro Pedro Murias de Ribadeo albergará un foro de automoción con 85 participantes

Por 25 Agosto, 2019Sin comentarios

A oitava edición do Fórum de Innovación e Formación sobre vehículos, organizado pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA), celebrarase en Ribadeo dos días 27 ao 30 de agosto. Será por primeira vez no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias. 

Este Fórum, homologado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, está destinado a profesores de Transportes e Mantemento de Vehículos, profesionais do sector do automóbil, alumnos de Formación Profesional e universitarios, ademais de a afeccionados do mundo do motor.

Entre os obxectivos da actividade figuran “establecer un punto de encontro entre o profesorado da familia profesional de Transportes e Mantemento de Vehículos; coñecer as últimas tecnoloxías que se están aplicando aos vehículos; realizar talleres de climatización, soldadura, caixas de cambio DSG, apertura de vehículos e impresión 3D; integrar aos traballadores en activo nos procesos de formación ao longo da súa vida laboral; a avaliación e difusión das accións europeas realizadas en 2019 por APAGA; e dar a coñecer ao sector empresarial a Formación Profesional en Italia”, segundo explicou o presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Álvaro Doural. 

Ao Fórum asistirán 85 participantes procedentes das catro provincias galegas, de  Asturias, León, Zamora, Madrid, Toledo, Pamplona e tamén de Portugal. Terá unha duración de 37 horas e desenvolverase no Centro Pedro Murias.

No programa abordaranse temas como a dirección en vehículos con asistencia á condución, as nocións e fundamentos do lubricantes para motor, a organización de talleres, as últimas novidades en transmisións ou a propulsión híbrida eléctrica.

O 29 de agosto, ás 19:30 horas, celebrarase asemblea xeral de APAGA, e o 30 ás 17:00 horas, terá lugar a presentación da película ‘Eduardo Barreiros, o Henry Ford español’, dirixida por Simón Casal de Miguel e protagonizada por Manuel Regueiro, que estarán presentes no acto.

Despois haberá unha mesa redonda na que participarán enxeñeiros da factoría Barreiros. Deste xeito APAGA pretende render homenaxe ao empresario galego neste VIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que foi presentado esta tarde nas instalacións do hotel O Cabazo.

Ao acto asistiron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o responsable da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, a responsable da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación luguesa, Mónica Freire, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, e a alcaldesa en funcións de Ribadeo, Mariluz Álvarez.