Skip to main content
ActualidadeBarreirosSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Barreiros ostenta o diploma de ouro da Rede Galega de Praias sen Fume

Por 2 Setembro, 2019Sin comentarios

O director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz-Ares Rodríguez, entregoulle este verán á alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, o diploma de ouro da Rede Galega de Praias sen Fume, por ter declarados sen fume de tabaco todos os seus arenais. Na actualidade, 141 praias de 64 concellos integran por agora esta rede.

A Rede Galega de Praias sen Fume é cada vez máis extensa. Na actualidade está constituída por un total de 141 praias (29 delas son fluviais) pertencentes a 64 municipios, polo que a poboación destes lugares poderá elixir desfrutar do seu tempo de ocio lonxe do fume do tabaco. A rede iniciou a súa andaina no ano 2016, con 26 praias de 19 concellos, partindo dunha iniciativa do Concello de Baiona do ano 2012.

Galicia é pioneira a nivel nacional con esta iniciativa e varias comunidades autónomas planifican seguir esta medida. Este é o caso, por exemplo, de Murcia, que creou o pasado ano a súa rede; Andalucía, que quere comezar este ano ou Valencia, que tamén se quere sumar á iniciativa.

A rede naceu cun fin educativo e de sensibilización social, recalcando a importancia da conduta dos adultos ante os máis pequenos, como figuras modélicas que son. O obxectivo é que a mocidade saiba que o normal é non fumar e avanzar e cambiar a percepción social sobre o tabaco, ao obxecto de converter este entorno en educativo e preventivo. O obxectivo da Consellería de Sanidade é conseguir que, nos vindeiros anos, todas as praias galegas formen parte da rede.

Nas praias sen fume non se pode fumar na zona do areal, quedando excluídas as zonas ao aire libre dos locais de hostalería situados nelas. Non existe vixilancia, nin sanción para o incumprimento, é unha elección voluntaria e persoal seleccionar unha praia sen fume como lugar de ocio, e polo tanto o seu cumprimento é unha responsabilidade persoal conseguindo así a participación activa da sociedade.

Na actualidade, son xa 10 os concellos coa acreditación de ouro, é dicir, que teñen todas as súas praias dentro da rede. Estes concellos son Baiona, Corcubión, Rianxo, Barreiros, A Guarda, Noia, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Dumbría e Cabana de Bergantiños. Ademais, outros 13 contan coa categoría de prata, é dicir, que como mínimo teñen a metade das praias do concello dentro da rede.