Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Cervo está a piques de inaugurar a nova vía ao carón da avenida Bellavista

Por 9 Setembro, 2019Outubro 2nd, 2019Sin comentarios

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, acompañado da tenente de alcalde, Dolores García Carames, e do edil de Protección Civil, Alfredo Fernández, achegouse ata a zona de Galdín para supervisar as obras da nova vía ubicada entre a avenida Bellavista e a avenida da Veiga “na que se están a ultimar detalles para poder abrila, de xeito inminente, ao tráfico rodado e peonil”.

Villares explicou que nestes intres a obra está practicamente rematada, a falta do pintado, dos acabados e da construción das dúas glorietas proxectadas  -unha fronte ao centro de saúde e outra na zona de Galdín- que servirán de enlace coas vías que son titularidade da Deputación, e que tamén contribuirán a reducir a velocidade nestes tramos, reforzando así a súa seguridade; “polo que a estimación é que a nova vía poida estar plenamente operativa en tres ou catro semanas”.

O rexedor precisou que se trata dunha infraestrutura fundamental para San Ciprián “que nos permitirá aliviar o tráfico do centro da vila ao tempo que tamén pode ser unha solución provisional para os vehículos pesados do Polígono de Cuíña”.

A nova rúa ten unha lonxitude de 350 metros e unha anchura de 12 metros que favorecerá o dobre sentido da circulación, ademais tamén disporá dunha zona importante de aparcadoiros; e de beirarrúas a ámbolos dous lados da calzada. 

O alcalde quixo “agradecer unha vez máis á Xunta de Galicia este importante investimento que supera os 600.000 euros e que nos permitiu executar unha arteria de comunicación moi funcional, que dará moito servizo aos vehículos que circulen por San Cibrao”, esgrimiu.