Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Caballero visitou a Alcoa para transmitir o compromiso do PSOE cos traballadores

Por 10 Setembro, 2019Sin comentarios

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo o pasado luns unha nova xuntanza co comité de empresa de Alcoa en San Cibrao para trasladarlle “o compromiso claro de todos os socialistas co mantemento da actividade industrial e o emprego”.

“Hai que fortalecer o sector industrial para que non siga perdendo peso na economía galega”, sinalou Gonzalo Caballero, ao tempo que contrastou “o pulo á política industrial” do goberno de Pedro Sánchez coa “inacción” da Xunta de Feijóo.

“Feijóo utiliza a Xunta para a súa publicidade, pero os datos amosan o seu suspenso claro”, evidenciou o líder dos socialistas galegos, antes de recriminarlle que só fale de Alcoa para tentar “confrontar co goberno socialista”.

Ao fío diso, Gonzalo Caballero recordou como, tralo anuncio de peche definitivo das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés, a ministra de Industria traballou ata acadar unha saída “mentres Feijóo dicía que non habería ningún inversor”. Hoxe, como apuntou, o emprego está garantido para os próximos dous anos.

No caso da factoría de San Cibrao, o máximo dirixente do PSdeG chamou a manter a atención ante a baixada na produción, toda vez que o mantemento do emprego é “unha cuestión prioritaria”. De feito, a ministra de Industria ten previsto visitar a planta antes de que remate este mes.

ESTATUTO. En paralelo, Gonzalo Caballero puxo en valor o traballo desenvolvido polo goberno para impulsar o estatuto das empresas electrointensivas e a decisión de duplicar as axudas ás emisións ata os 180 millóns de euros.

“Son dous mecanismos fundamentais”, destacou o secretario xeral, quen indicou que o estatuto non chegou a aprobarse debido á convocatoria de eleccións e engadiu que “o mellor que pode pasar” para que entre en vigor é que Pedro Sánchez sexa investido canto antes.

IRRESPONSABILIDADE. Tras destacar o traballo feito polo goberno socialista, Gonzalo Caballero censurou a “irresponsabilidade” de Feijóo, sen esquecerse de que os gobernos da dereita na Xunta e no Estado “non fixeron os deberes” coas industrias de grande consumo enerxético.

Do mesmo xeito, esixiu a Feijóo que “faga rectificar” ao delegado da Xunta en Lugo polas súas declaracións “irresponsables” ou que “sexa cesado inmediatamente”. “Que estean á altura”, reclamou, crítico con que a Xunta poña “paus nas rodas” mentres o goberno socialista “traballa e acada solucións”.

No encontro co comité de empresa de Alcoa en San Cibrao participaron tamén os alcaldes e alcaldesas de Viveiro, Burela, Foz, Trabada, Pontenova, Ourol e Alfoz, ademais do voceiro socialista en Cervo; a secretaria provincial do PSOE en Lugo, Patricia Otero; a deputada no Congreso Ana Prieto e o senador César Mogo.