Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Burela recibe ás xogadoras de fútbol sala tras gañar as Supercopas de España e Europa

Por 15 Setembro, 2019Sin comentarios

No salón de plenos do Concello de Burela houbo unha recepción ao Burela FSF tras os últimos éxitos deportivos conseguidos. Co equipo estiveron o alcalde, Alfredo Llano, a concelleira de Muller, Noelia Mª Ben, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández. O Burela FSF recibiu un agasallo conmemorativo. 

Fernández Rey explicou que “vimos de facerlles unha recepción ás nosas guerreiras laranxas, ás que foron semanas atrás campioas da Supercopa de Europa e a semana pasada tamén campioas da Supercopa de España”.

O edil burelés explicou que “é un acto máis de recoñecemento a estas rapazas que están poñendo o nome de Burela en todo o mundo. Estamos súper orgullosos de que isto sexa así e as perspectivas para esta tempada son que sigan logrando éxitos. Desde o Concello queremos recoñecerlles ese mérito e ese labor que fan por Burela, que eu penso que ten que ser compartida por todos os veciños e veciñas do concello porque este labor de promoción do pobo que están facendo non se paga con cartos, desde logo, e que menos que ter un recoñecemento con elas e intentar axudarlles en todo o que podemos desde o Concello”.

Para o concelleiro de Deportes “isto tamén é mérito, evidentemente, da directiva do club e da afección. Hai que facer tamén un recoñecemento especial a toda esa xente que estivo o venres pasado en Madrid, que fixo un montón de quilómetros para poder estar alí animando a estas rapazas. Eu tamén, desde o Concello, quero facerlle un recoñecemento a esa afección incombustible que ten o club. E tamén quero agradecer o traballo de toda a directiva porque é un labor inxente e moitas veces incluso cuns medios limitados para poder aguantar dous equipos nunhas ligas profesionais, como é o caso de Burela, que é único en España. Desde o Concello vamos seguir apoiando en todo o que poidamos ao club para que siga levando o nome de Burela por toda España. E desde logo ese recoñecemento do alcalde, meu, de todo o equipo de goberno e de toda a corporación”.

Fernández Rey engadiu: “temos que estar orgullosos destas rapazas e do Burela Fútbol Sala a nivel de club. Estes éxitos que están conseguindo seguro que co paso do tempo os valoraremos moito máis porque agora a verdade é que nos teñen acostumados a gañar moitos títulos. E igual veñen épocas non tan boas polo que hai que quedarse con isto, co recordo destes títulos, con todo o labor de promoción de Burela que está facendo o club por toda España e por toda Europa. Queremos agradecerlles ese traballo e recoñecérllelo con este acto que acabamos de ter aquí no Concello.