Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Máis de 24.600 alumnos comezan o curso en ESO e Bacharelato en Lugo o luns, día 16

Por 15 Setembro, 2019Sin comentarios

Un total de 148.144 estudantes, en torno a 24.600 deles lucenses, comezarán o vindeiro luns, 16 de setembro, as clases na educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato, e ensinanzas de réxime especial (ensinanzas para adultos, artísticas e deportivas), segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Cómpre lembrar que as cifras de matriculación non serán definitivas ata dentro dunhas semanas, dado que aínda nos últimos días se realizaron exames de recuperación en secundaria. De feito, neste total tampouco se contempla o alumnado de FP, ensinanzas nas que aínda é posible matricularse. 

ESO. Segundo as estimacións e datos provisionais da Xunta de Galicia, 92.862 alumnos e alumnas comezarán o curso en ESO, o que supón un 0,4 % máis ca no curso 2018/19.

Por tipo de centros, en Lugo hai 6927 alumnos en centros públicos, dun total de 64.776 estudantes, aparte hai outros 1987 en centros privados concertados, de entre os 25.742 que hai en Galicia nestes centros e costan na provincia outros 273 nos non concertados, dun total de 2344 neste tipo de centros na comunidade.

Nesta etapa educativa o alumnado non nacionalizado español incrementouse un 4,2% respecto do curso anterior. En Lugo pasou dos 510 a 531 este ano.

BACHARELATO. Por outra banda os mesmos datos provisionais que manexa a Consellería, indican que 30.973 alumnos e alumnas comezarán o luns as clases de bacharelato ordinario en Galicia, o que supón un 1,5% máis ca no curso 2018/19. Deles, 2828 faráno en centros públicos de Lugo e outros 271 en centros privados non concertados da provincia.

No caso do bacharelato ordinario o número de alumnos e alumnas sen nacionalidade española mantense case invariable: 599 alumnos este curso, 94 deles en Lugo, fronte aos 602 do curso anterior, no que houbera 95 estudantes na provincia lucense.

RÉXIME ESPECIAL. No que atinxe ás ensinanzas de réxime especial, en concreto no referido ás básicas, de secundaria e bacharelato para adultos e ao bacharelato semipresencial ou a distancia, segundo os datos provisionais o descenso do alumnado, ata os 12.638 estudantes, é do 4,8% respecto do curso 2018/19.

A distribución en Lugo por ensinanzas no curso 2019/20 é de 248 alumnos nas ensinanzas básicas de nível un, 57 estudantes nas de nivel dous, 547 na Secundaria de adultos, niveis un e dous, 69 no bacharelato presencial, 355 no semipresencial e 327 nas ensinanzas non regradas. 

Pola súa banda, o número total de estudantes nas ensinanzas artísticas e deportivas acada este curso os 11.671, un 0,4% máis ca no curso anterior. En concreto, nas ensinanzas regradas de música, segundo as estimacións da Consellería, o número de alumnos será de 8502, un 0,3 % máis ca no ano académico 2018/19. En Lugo, nos conservatorios hai 1.143 alumnos, dun total en Galicia de 8.502.

No caso das ensinanzas regradas de danza o número de matriculados é de 333, un 5,6 % menos ca no curso 2018/19; mentres que nas de arte dramática haberá 177 alumnas e alumnos, un 1,7% máis ca no ano académico anterior.

Pola súa banda o alumnado matriculado en ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño diminúe un 1,9%, con 668 estudantes. No caso dos estudos superiores de deseño haberá 743 matriculados, un 2,7% máis ca no curso anterior; mentres que nos estudos superiores de conservación e restauración de bens culturais haberá 81 alumnos, 7 menos ca no 2018/19. No caso das ensinanzas deportivas o incremento de alumnado é do 3,3%, acadando os 1167 alumnos.

FORMACIÓN PROFESIONAL. No caso da Formación Profesional –non incluída nos devanditos 148.144 estudantes- a Consellería está aínda a pechar os datos de matriculación, que serán difundidos en datas próximas. Aínda así, a previsión inicial realizada polo departamento educativo da Xunta de Galicia é que –contando tanto os ciclos formativos en réxime ordinario e modular como a FP a distancia, a FP Dual e a nova FP Básica- o número de alumnas e alumnos sexa de máis de 52.000.

Os centros (públicos, concertados e privados) que hai en Lugo de Primaria e Secundaria son 26, da ESO hai tres, de ESO e ensinanzas postobrigatorias hai 35, das postobrigatorias hai 11, outros tres de postobrigatorias, Primaria e ESO e dous de adultos, dun total de 80.

NA MARIÑA. A matriculación na ESO dos centros públicos é de, por concellos, na Pontenova é de 72 alumnos, en Alfoz, de 74, en Burela de 340, en Cervo de 92, en Foz 189, en Mondoñedo de 192 e en Ribadeo de 258. En Viveiro de 548 e en Xove de 78, dentre 6.927 matriculados nos públicos en Lugo. No Privado Concertado de Foz hai 186 estudantes e no Ribadeo Privado Concertado, outros 159.

No bacharelato público, A Pontenova ten 31 alumnos, Burela 146, Cervo 27, Foz 91, Mondoñedo 36, Ribadeo 115 e Viveiro 186 dun total de 2828 en Lugo.