Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Levan ao pleno de Ribadeo unha moción para esixir do goberno que actúe no problema do abastecemento

Por 16 Setembro, 2019Sin comentarios

“O Grupo Municipal do PP de Ribadeo é o único que leva a Pleno unha moción en defensa da mellora do sistema municipal de abastecemento de auga”. Así o manifesta o voceiro, Daniel Vega, salientando o interese dos populares por garantir aos ribadenses a calidade deste servizo básico tras rexistrar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria da corporación ribadense.

 Os edís populares recordan que “tanto o abastecemento como o saneamento son competencia municipal e é función do Goberno local buscar a maneira de acometer as obras necesarias a través da colaboración institucional, como sempre defendemos, e máis especialmente neste caso; xa que se trata dun proxecto de gran envergadura”.

Así, dende o Grupo Municipal Popular propoñen “recuperar os documentos técnicos elaborados no seu momento por Augas de Galicia para a mellora do abastecemento no municipio e, de ser o caso, completar o estudo; así coma “poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos precisos para o novo depósito e buscar o financiamento a través da colaboración institucional para dar solución os problemas de abastecemento que sofre o noso concello”.

“É unha vergoña que os ribadenses suframos problemas de presión de auga e roturas habituais das tubaxes de fibrocemento por onde discorre a auga da traída municipal canalizada dende o depósito de Vilarbetote pola falta de actuacións de Fernando Suárez que nos 16 anos que leva no Goberno local non se interesou por darlles solución”, manifesta Vega.

O popular recorda que “Suárez Barcia impediu a mellora do sistema de abastecemento no ano 2014 ao impedir o acceso ao terreo para a realización do estudo xeotécnico da primeira fase das obras dirixidas á construción dun novo depósito e non poñer ese terreo a disposición da Xunta cando Augas de Galicia, tras elaborar un estudo previo, dispoñía dos proxectos e dos fondos europeos e propios para financiar esta actuación que requiría dun investimento de 1,39 millóns de euros”.

“Tendo en conta que no actual período operativo, a UE non outorga fondos para o financiamento de obras de abastecemento, senón que prioriza o saneamento”; os populares recordan que “para levar a cabo as obras necesarias, tamén é posible solicitar apoio á Deputación Provincial que ten a obriga de axudar aos municipios de menos de 20.000 habitantes”.